Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 14.45 h. de hoxe
Activo un incendio forestal no concello ourensán da Gudiña, parroquia de Pentes, que segundo as últimas estimacións supera as 20 hectáreas de superficie afectada
Tamén está activo outro lume na localidade ourensá de Entrimo, parroquia de Venceáns, unha reprodución do incendio rexistrado o pasado 4 de setembro e que afecta ao Parque Natural Baixa Limia – Serra do Xurés
Continúa activo o incendio forestal do concello ourensán de Laza, parroquia de Trez, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de arredor de 60 hectáreas
Controlado o lume do municipio pontevedrés de Arbo, parroquia de Mourentán, que afecta 20 hectáreas
Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2024
A Consellería do Medio Rural informa da situación dos incendios forestais rexistrados en Galicia con datos recollidos ata as 14.45 horas de hoxe luns.
A Gudiña-Pentes
Está activo, dende as 13.18 horas, un incendio forestal no concello ourensán da Gudiña, parroquia de Pentes, que segundo as últimas estimacións provisionais supera as 20 hectáreas de superficie afectada. Polo momento mobilizáronse 4 axentes, 4 brigadas, 3 motobombas, 4 pas, 2 técnicos, 7 helicópteros e 7 avións.
Entrimo-Venceáns
Activo tamén un incendio forestal no municipio ourensán de Entrimo, parroquia de Venceáns, dende as 14.20 horas e afecta ao Parque Natural Baixa Limia – Serra do Xurés. Este lume é unha reprodución do incendio rexistrado o pasado 4 de setembro no mesmo lugar tras iniciarse en Portugal. Ata o momento mobilizáronse 1 axente, 5 brigadas, 1 motobomba, 1 helicóptero e 2 avións.
Laza-Trez
Continúa activo, dende as 19.22 horas de onte domingo, o incendio forestal do concello ourensán de Laza, parroquia de Trez, que segundo as últimas estimacións provisionais afecta unha superficie de arredor de 60 hectáreas. Para a súa estabilización mobilizáronse ata o de agora 15 axentes, 25 brigadas, 17 motobombas, 2 pas, 1 técnico, 7 helicópteros e 4 avións.
Arbo-Mourentán
Ás 15.04 horas de hoxe luns quedou controlado o lume rexistrado no municipio pontevedrés de Arbo, parroquia de Mourentán, que se iniciou onte domingo ás 23.41 horas. Segundo as últimas estimacións provisionais, afecta unha superficie de 20 hectáreas. Nos labores de extinción deste incendio lévanse mobilizado, polo de agora, 2 técnicos, 7 axentes, 24 brigadas, 18 motobombas, 2 pas e 2 helicópteros.
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.