Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 12.45 h. de hoxe
Activo un incendio forestal no concello ourensán da Gudiña, parroquia de Barxa, que segundo as últimas estimacións afecta en torno a 60 hectáreas
Estabilizado o incendio forestal da localidade ourensá da Gudiña, parroquia de Pentes, que segundo as últimas estimacións afecta arredor de 150 hectáreas e evoluciona favorablemente
Permanece tamén estabilizado o lume do concello ourensán de Laza, parroquia de Trez, que afecta unha superficie de arredor de 60 hectáreas
Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2024
A Consellería do Medio Rural informa da situación dos incendios forestais rexistrados en Galicia con datos recollidos ata as 12.45 horas de hoxe luns.
Activo A Gudiña-Barxa
Está activo un incendio forestal no concello ourensán da Gudiña, parroquia Barxa, dende as 00.17 de hoxe martes, que afecta unha superficie provisional de en torno a 60 hectáreas. Polo momento mobilizáronse 8 axentes, 10 brigadas, 5 motobombas, 1 pa, 3 técnicos, 7 helicópteros e 5 avións. Ademais, na súa extinción están a colaborar medios terrestres procedentes de Portugal.
Estabilizado A Gudiña-Pentes
Continúa estabilizado, dende as 00.13 horas de hoxe martes, o incendio forestal do concello ourensán da Gudiña, parroquia de Pentes, que segundo as últimas estimacións provisionais afecta unha superficie de arredor de 150 hectáreas e evoluciona favorablemente. Para a extinción deste lume mobilizáronse ata o de agora 15 axentes, 24 brigadas, 11 motobombas, 4 pas, 3 técnicos, 10 helicópteros e 8 avións.
Estabilizado Laza-Trez
Permanece tamén estabilizado, dende as 18.01 horas de onte luns, o incendio forestal do concello ourensán de Laza, parroquia de Trez, que se iniciou ás 19.22 horas do domingo. Segundo as últimas estimacións provisionais, afecta unha superficie de en torno a 60 hectáreas. Para a súa estabilización mobilizáronse polo de agora 17 axentes, 32 brigadas, 19 motobombas, 2 pas, 1 técnico, 7 helicópteros e 4 avións.
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.