A conselleira do Medio Rural reafirma a aposta da Xunta polo sector forestal con axudas para plantacións e accións silvícolas nunha visita a Finsa

María José Gómez coñeceu esta mañá a plantación de coníferas e parcela de ensaio propiedade desta empresa, así como as instalacións da fábrica en Santiago  

Avogou por manter os montes ben xestionados e por “plantacións de calidade, que teñen un retorno económico para o sector primario”, remarcou

Medio Rural está redactando unha Estratexia de coníferas de Galicia para consolidar e mellorar as masas actuais, que superan as 420.000 hectáreas na nosa comunidade, e respalda a demanda sectorial dunha mellora na fiscalidade para este eido produtivo

Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2024

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, visitou esta mañá a plantación de coníferas e parcela de ensaio propiedade da empresa Finsa, así como as instalacións da fábrica en Santiago de Compostela. Nesta visita, na que estivo acompañada polo director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, a titular de Medio Rural puxo en valor a condición de Galicia de potencia forestal nacional, coa metade das cortas de madeira de toda España. 

Ademais, salientou que “o forestal é un sector polo que vimos apostando desde a Xunta con axudas ás plantacións de coníferas e tamén de frondosas, con cinco millóns de euros na convocatoria deste ano”. Referiuse tamén ás achegas para silvicultura, nas que na convocatoria pasada se investiron 10 millóns de euros e que, destacou, axuda a manter as plantacións ben xestionadas “para producir esa madeira de calidade que demanda o sector forestal e que ten un alto valor engadido”. Nesta liña, avogou, asemade, por manter “plantacións de calidade, que teñen un retorno económico para o sector primario”. 

Estas liñas de traballo da Xunta están contempladas na planificación estratéxica que se plasma no Plan Forestal de Galicia 2021-2024 ‘Cara á neutralidade carbónica’. Un dos seus obxectivos é, precisamente, manter unha actividade produtiva no monte galego, que procure revalorizar e mellorar a súa calidade, eficiencia, produtividade, rendibilidade e competitividade. Unhas finalidades nas que as coníferas desempeñan un papel fundamental.

Estratexia de coníferas

Neste sentido cómpre lembrar, ademais, que a Consellería do Medio Rural está redactando unha Estratexia de coníferas de Galicia, para consolidar e mellorar as masas actuais, que superan as 420.000 hectáreas na nosa comunidade, segundo os datos do Inventario Forestal Continuo de Galicia.

En relación co sector forestal, unha das demandas da Xunta pasa por acadar unha mellora da fiscalidade para este eido produtivo. Nesta liña, o pasado mes de agosto a propia conselleira do Medio Rural mantivo unha reunión coa Asociación Forestal de Galicia na que manifestou o apoio da Xunta a esta reclamación, diante da Administración Xeral do Estado, para flexibilizar a fiscalidade naqueles impostos de titularidade exclusiva ou total do Estado, como son o IRPF ou o imposto de sociedades, así como tamén o plan de contabilidade forestal. Algo que, ademais, xa está contemplado no Plan Forestal de Galicia. 

 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/09/2024