O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, xunto coa directora xeral de Saúde Pública e a directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, presentou hoxe a iniciativa
A Xunta crea a Rede de promoción da saúde na poboación xitana para o fomento de hábitos saudables coas mulleres da comunidade como axentes de cambio
O proxecto comezará este ano e desenvolverase ata 2027 co obxectivo de promover unha alimentación saudable, a actividade física e a prevención do tabaquismo e doutras condutas de risco no colectivo
Sete mulleres xitanas actuarán como promotoras de saúde dentro das súas comunidades
A Enquisa nacional de saúde da comunidade xitana indica unha esperanza de vida máis baixa que no conxunto da poboación, maiores taxas de enfermidades crónicas e dificultades para acceder a servizos médicos axeitados
A iniciativa conta cun orzamento de 1.015.000 euros
Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2024
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, presentou hoxe, na Cidade da Cultura, a Rede galega de promoción da saúde na comunidade xitana coa que a Xunta busca reducir as desigualdades en saúde que afectan a este colectivo, mellorar a súa calidade de vida e fomentar a participación comunitaria na promoción de estilos de vida saudables.
No acto tamén participaron a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, a directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, Sofía López Linares, e representantes da Fundación Secretariado Xitano, que lidera a iniciativa.
Tal e como sinalou Gómez Caamaño, serán contratadas sete mulleres a través da Fundación Secretariado Xitano para que actúen como promotoras de saúde dentro das súas comunidades.
Estas promotoras de saúde recibirán formación especializada e actuarán como mediadoras entre as institucións sanitarias e as súas comunidades, aproveitando a súa influencia dentro das familias e os seus círculos sociais. Esta iniciativa innovadora sitúa as mulleres xitanas como axentes de cambio e, ao mesmo tempo, contribúe á igualdade de oportunidades laborais.
As promotoras de saúde serán as encargadas de liderar o cambio en aspectos como a alimentación saudable, a actividade física e a prevención do tabaquismo e outras condutas de risco.
Segundo a Enquisa nacional de saúde da comunidade xitana, a esperanza de vida do colectivo é entre 8 e 10 anos inferior ao resto da poboación española e presentan unha maior prevalencia de enfermidades cardiovasculares, diabetes e enfermidades respiratorias crónicas. En moitas ocasións, os problemas de saúde agrávanse porque non se tratan a tempo por falta dun acceso adecuado a servizos preventivos como as vacinas ou os controis médicos regulares.
O proxecto terá unha duración de 2024 a 2027 e conta cun orzamento de 1.015.000 euros, cofinanciado pola Unión Europea a través do Programa FSE+ de Galicia 2021-2027.