A conselleira de Política Social e Igualdade visitou esta mañá o CIM de Curtis, acompañada da delegada territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Belén do Campo

Fabiola García destaca o investimento de máis de 5,5 M€ na rede de centros de información á muller, que fan de Galicia unha referencia

A nosa comunidade dispón de 84 recursos deste tipo que dan cobertura a preto de 200 concellos

A conselleira subliñou que son servizos próximos á cidadanía e exemplo de colaboración entre Xunta e concellos

Curtis (A Coruña), 18 de setembro de 2024

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, destacou esta mañá o investimento de 5,5 millóns de euros no mantemento dos Centros de Información á Muller (CIM), o que pon de manifesto o sólido compromiso do Executivo autonómico en loitar contra a violencia de xénero e fan de Galicia unha comunidade de referencia neste ámbito. Díxoo durante unha visita ao CIM de Curtis, na que estivo acompañada da delegada territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Belén do Campo, e do alcalde do concello, Javier Francisco Caínzos.

Fabiola García sinalou a importancia que ten que a nosa comunidade conte cunha ampla rede de centros deste tipo nos que as mulleres reciben axuda e información. Galicia dispón de 84 CIM en funcionamento que dan cobertura a preto de 200 concellos. Ao respecto, a conselleira subliñou que son recursos próximos á cidadanía, exemplo de colaboración entre Xunta e concellos e garanten ás mulleres axuda xurídica, psicolóxica ou de calquera outro tipo.

A conselleira valorou o traballo que se desenvolve no CIM de Curtis, ao que tamén acoden usuarias de Sobrado e Vilasantar. Este servizo ofrece orientación laboral a vítimas da violencia de xénero nas que se pon o foco na muller rural, desenvolve programas específicos con nenos e adolescentes en risco, así como actividades de terapia coas reclusas do cárcere de Teixeiro.

Ademais, Fabiola García tivo a ocasión de ver dous murais que abordan a temática da igualdade, un deles situado no CEIP Teixeiro e elaborado por nenos participantes no campamento de conciliación financiado polo Plan Corresponsables da Xunta de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/09/2024