A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático visitou as instalacións de Televés
Ángeles Vázquez salienta que Galicia supera xa os obxectivos da UE para 2030 en materia de redución de emisións de cara a acadar a neutralidade climática
Subliña o traballo levado a cabo polo Goberno galego nos últimos anos de cara consolidar a Comunidade como un referente na loita contra o quecemento global con iniciativas como a Alianza galega polo clima
Pon a Televés como exemplo de compromiso cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) a través da planificación e desenvolvemento de iniciativas orientadas a contribuír ao benestar global e ao coidado do medio ambiente
Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2024
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, salienta que Galicia supera xa os obxectivos da Unión Europea para 2030 en materia de redución de emisións de cara a acadar a neutralidade climática.
Segundo lembrou durante a súa visita ás instalacións de Televés, a conselleira puxo en valor que Galicia é a Comunidade na que máis descenderon as emisións netas de gases de efecto invernadoiro (59,8%) desde 1990, superando o obxectivo do 55% establecido pola Unión Europea para o ano 2030.
A maiores, cómpre indicar que no que se refire ás emisións brutas é a segunda comunidade na que máis baixaron (33%) chegando a haber máis de 35 puntos porcentuais de diferencia con respecto ao nivel de emisións do conxunto de España, onde, ademais, non baixaron, senón que subiron un 2,4%.
Nesa liña, Ángeles Vázquez subliñou o traballo levado a cabo polo Goberno galego nos últimos anos de cara a consolidar a Comunidade como un referente na loita contra o quecemento global con iniciativas como a Alianza galega polo clima, que pretende aproveitar sinerxías e buscar confluencias que multipliquen o efecto das accións individuais das entidades adheridas. “A colaboración público-privada é indispensable para conseguir a neutralidade climática en 2040”, engadiu a conselleira.
Nese senso, a representante autonómica puxo como exemplo o labor que leva a cabo Televés, unha das empresas adheridas á Alianza galega polo clima, e o seu compromiso cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) a través da planificación e desenvolvemento de varias iniciativas orientadas a contribuír ao benestar global e ao coidado do medio ambiente.
Así, fixo fincapé nas actuacións executadas de cara á redución do uso de residuos perigosos, a aposta polo uso de materiais reciclados, o fomento da mobilidade sostible e a renovación de instalacións para acadar unha maior eficiencia enerxética.
Alianza galega polo clima
Cómpre lembrar que a Alianza galega polo clima, que conta xa con 154 entidades adheridas entre universidades, organismos, autoridades portuarias, entidades asociativas ou empresas, ten o obxectivo de conectar ao tecido produtivo e social galego de cara a traballar contra o quecemento global, facer máis resiliente á Comunidade e establecer pautas de actuación para alcanzar a neutralidade climática.
Pretende, entre outras cuestións, o establecemento de accións dirixidas á adaptación ou mitigación do cambio climático; o fomento de intercambio de información científica, tecnolóxica, socioeconómica e xurídica neste eido; a promoción da investigación vencellada co clima e a difusión de tecnoloxías para a transición cara a sistemas de enerxía de baixas emisións.
De feito, segundo salientou a conselleira, onte celebrouse o primeiro encontro técnico de entidades adheridas a esta iniciativa coa que se dá inicio a unha nova fase, na que se programarán eventos e encontros orientados a impulsar novas canles de comunicación e netwoking que faciliten o intercambio de boas prácticas. A maiores, incidirase na formación do tecido produtivo en temas medioambientais e porase á disposición das entidades adheridas á iniciativa unha oficina de apoio -accesible a través dunha páxina web- para acelerar a adopción de prácticas de sostibilidade ambiental.