A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático presidiu hoxe en Santiago a primeira mesa sectorial de traballo con representantes do canal Horeca en Galicia
A Xunta avanza co sector da hostalaría e da restauración no deseño de accións para avanzar na redución do residuo alimentario
Ángeles Vázquez sinala que a experiencia e o coñecemento dos axentes que operan a diario nestes ámbitos é clave para obter unha boa diagnose da situación e deseñar a folla de ruta a seguir de forma realista, consensuada e adaptada á realidade galega
Subliña que a principal causa do residuo alimentario no sector son as sobras que quedan na mesa, que representan o 63,2% do total fronte ao 26% xerado en cociña, polo que considera que hai marxe de mellora para aumentar o seu aproveitamento
O obxectivo é impulsar a prevención neste tipo de residuos, achegarse aos obxectivos fixados pola normativa e reforzar o compromiso da Comunidade cun modelo de alimentación máis eficiente e sostible, en liña cos principios da economía circular
No mes de outubro haberá outros dous encontros dirixidos ao sector distribuidor e á sociedade civil para buscar solucións eficaces pola vía da colaboración público-privada
Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2026
A Xunta de Galicia traballará da man do sector da hostalería e da restauración co fin de impulsar accións eficaces para avanzar na redución dos residuos alimentarios na Comunidade pola vía da prevención e dunha mellor xestión dos excedentes que fomente a súa reciclaxe, valorización ou aproveitamento para outros usos.
Para acadar este obxectivo, precisamente, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, presidiu hoxe a primeira reunión da mesa sectorial de traballo cos representantes do canal Horeca, acrónimo utilizado en Europa para referirse ao sector e que agrupa a hoteis, restaurantes, cafeterías e empresas de catering.
Tras destacar que a hostalaría representa na comunidade galega preto do 4,5% da riqueza, sumando máis de 21.000 establecementos que dan traballo a arredor de 61.000 persoas, a responsable autonómica sinalou que a experiencia e o coñecemento que poden aportar os axentes que operan a diario nestes ámbitos resulta clave para obter unha boa diagnose de cal é a situación de partida e deseñar, a partir de aí, o Plan de prevención e xestión do residuo alimentario de Galicia (Prexera), a folla de ruta a seguir para avanzar neste eido dunha forma realista, consensuada e adaptada á realidade galega.
Os negocios do canal Horeca, de feito, compran alimentos, bebidas e subministros ao por maior para transformalos e servilos nos seus establecementos ao consumidor final, e no caso concreto de Galicia destacan, ademais, polo seu forte arraigo local, ligado sobre todo ás materias primas de gran calidade procedentes do mar e do campo, un factor diferencial e que o converte nun dinamizador clave da economía galega.
Tras subliñar que a principal causa do residuo alimentario procedente deste sector son as sobras que deixan os comensais na propia mesa —xa que representan o 63,2% do total fronte ao 26% xerado en cociña—, a conselleira considerou que aínda hai marxe de mellora para previr a xeración desde os propios establecementos (axustando as compras, adaptando racións, informando á clientela...) e aumentar o seu aproveitamento posterior, tanto a través da reciclaxe como da doazón e a redistribución para consumo humano –a través de bancos de alimentos e entidades sociais– ou para alimentación animal.
Neste sentido, agradeceu a implicación do sector e confiou en que as conclusións e achegas que se obteñan nestas mesas de traballo axudarán a cumprir cun triplo obxectivo: impulsar a prevención deste tipo de residuos, avanzar en liña cos obxectivos de reciclaxe a nivel comunitario e reforzar o compromiso da Comunidade cun modelo de alimentación máis eficiente, responsable e sostible, acorde cos principios da economía circular.
Aposta pola participación
A intención da Consellería, en todo caso, é ir máis aló no proceso participativo iniciado hoxe. De feito, ten previsto convocar en outubro outras dúas mesas de traballo, a primeira dirixida ao sector da distribución alimentaria en Galicia e a seguinte enfocada á xestión destes refugallo nos fogares, que supoñen aproximadamente o 40% da bolsa negra tipo.
Estes encontros contarán con representantes dos respectivos colectivos aos que van dirixidos especificamente ademais de entidades sociais, administracións, asociacións empresariais, centros de investigación e de coñecemento e outros axentes de interese.
No seu conxunto, as tres mesas sectoriais planificadas polo departamento autonómico para avanzar na prevención e xestión dos residuos do sector alimentario en Galicia servirán para validar e completar a diagnose actual da situación; coñecer mellor as necesidades de cada sector; identificar retos e medidas concretas; detectar boas prácticas xa implantadas, e primar liñas de actuación de forma coordinada.
A Xunta aposta así, unha vez máis, por instrumentos de participación cos que fomentar a colaboración entre administracións públicas e entidades privadas, sen esquecer tampouco á sociedade civil, á hora de deseñar e poñer en marcha medidas para acadar un mellor aproveitamento das distintas fraccións de residuos, como xa fixo tamén nas últimas semanas no caso dos refugallos téxtiles e dos procedentes do sector da construción.