A titular de Vivenda e Planificación de Infraestruturas interveu na Tribuna do Círculo de Empresarios de Galicia: “Construíndo a Galicia do futuro, máis humana e mellor conectada”

A Xunta remite ao concello de Vigo o informe favorable do plan xeral de ordenación municipal

María M. Allegue subliñou que o Concello debe proceder á aprobación en Pleno deste instrumento que dotará de seguridade xurídica o desenvolvemento urbanístico da cidade

Destacou que a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas ten licitacións en curso en Galicia por 138M€ e prevé contratacións para os próximos 3 meses por 109M€

Sinalou que a Xunta ofrece ao Concello de Vigo colaboración para executar o túnel de Elduayen, para o que introduciría unha partida nos Orzamentos de 2025, se o municipio tamén o fai

Lembrou que a Xunta prevé só en Navia 1.600 vivendas protexidas e a Estratexia de desenvolvemento de solo residencial proxecta en Vigo 9.000 máis, 7.000 delas protexidas

Salientou que para impulsar estas actuacións en materia de vivenda e infraestruturas dende o Goberno galego, é fundamental a colaboración do sector da construción

Vigo, 19 de setembro de 2024

A Xunta remite ao Concello de Vigo o informe favorable do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Vigo.

Así o anunciou a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, na súa intervención na tribuna do Círculo de Empresarios de Galicia, baixo o lema “Construíndo a Galicia do futuro, máis humana e mellor conectada”.

Subliñou a importancia deste paso, pois o PXOM é o instrumento que dota de seguridade xurídica o desenvolvemento urbanístico da cidade.

Co informe favorable da Xunta, requisito imprescindible, agora correspóndelle ao Concello considerar as suxestións e sometelo á aprobación do Pleno.

Túnel de Elduayen

No eido das infraestruturas en Vigo, a conselleira tamén indicou que a Xunta vai colaborar na construción do túnel de Elduayen.

Concretou que o Goberno galego está disposto a participar na financiación deste túnel, tras solicitalo o rexedor esta mesma semana. Así, detallou que se introduciría unha partida para esta actuación nos Orzamentos para o ano 2025,  se o Concello tamén o fai.

Precisou que se destinará a esta intervención en Vigo a mesma porcentaxe de financiamento que se dirixiu ao túnel do Parrote na Coruña. 

Remarcou que a Xunta abordará este proxecto co Concello de Vigo na próxima reunión da Comisión de Infraestruturas entre ambas administracións.

Vivenda

No que se refire á vivenda, referiuse a Vigo como a cidade na que a Xunta está a desenvolver máis vivenda pública e na que hai máis inscritos no Rexistro Único de Demandantes, 5.735 concretamente.

Lembrou que tan só en Navia o Goberno galego prevé 1.600 vivendas protexidas e a Estratexia de desenvolvemento de solo residencial permitiría na área de Vigo a construción de 9.000 vivendas máis, 7.000 protexidas.

Fixo fincapé no reto da Xunta de duplicar o parque público de vivenda nesta lexislatura, ata chegar ás 8.000 vivendas.

Licitacións de obra pública

A conselleira destacou que o departamento que dirixe continúa avanzando no impulso de actuacións no ámbito das estradas e da vivenda na comunidade autónoma. Neste sentido, subliñou que a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas ten actualmente licitacións en curso por un importe que supera os 138M€.

Este volume de contratación permitirá acometer proxectos estratéxicos como a recuperación da estrada AC-305 en Palmeira- Ribeira, o novo CEIP de Milladoiro ou a construción de 64 vivendas de promoción pública en Cambedo de Raia- Ourense, entre outros moitos.

Avanzou tamén licitación previstas para os próximos tres meses cunha mobilización dun investimento de máis de 109M€, que posibilitarán impulsar intervencións como, por exemplo, a VAC TUI-A Guarda, no treito Areas-PO-350, a construción de 70 vivendas de promoción pública na rúa Paulo Fabio Máximo Lugo e outras 76 noutra parcela desta contorna.

Salientou que para avanzar nestas actuacións en materia de vivenda e infraestruturas é fundamental a colaboración das administracións, pero tamén do sector da construción, máis concretamente de enxeñeiros, arquitectos, promotores ou técnicos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/09/2024