A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas visitou a actuación realizada ao longo dun quilómetro de lonxitude, no lugar de Cequeliños
A Xunta inviste preto dun millón de euros no novo itinerario peonil no trazado antigo da PO-400 en Arbo
María M. Allegue subliñou que a nova senda garante os desprazamentos cómodos e seguros da veciñanza desta área
O aparcamento sitúase case ao final da senda, nun treito desta PO-400 que estaba en desuso, e permitiu habilitar 17 prazas de estacionamento, ademais de 2 para autobuses
Adiantou que a Xunta vai continuar esta intervención nunha 2ª fase coa disposición dunha glorieta en Cequeliños co fin de reforzar a seguridade viaria na zona
Puxo en valor a aposta da Xunta pola conservación das estradas, materia á que está a destinar este ano un investimento de 53M€, un 8% máis que o exercicio anterior
Recordou que recentemente se acondicionou a capa de rodaxe na estrada visitada hoxe, a PO-400, ao paso por Arbo, Crecente e As Neves, cun orzamento de 3M€
O Diario Oficial de Galicia tamén publica hoxe o inicio do trámite de información pública do proxecto de acondicionamento dun treito da PO-400 en Rodo, no Concello de Crecente
Arbo (Pontevedra), 20 de setembro de 2024
A Xunta vén de finalizar o itinerario peonil desenvolvido nun treito do antigo trazado da estrada PO-400 en Arbo, cun investimento de preto dun millón de euros (985.150€).
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, visitou hoxe esta actuación xunto ao delegado da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, así como outra intervención coa que se habilitou un aparcamento nun tramo desta mesma estrada.
Dúas actuacións que como subliñou a conselleira, enmárcanse “na aposta clara da Xunta por unhas infraestruturas máis accesibles, cómodas e seguras para as persoas e os usuarios”. “A nova senda garante os desprazamentos cómodos e seguros da veciñanza, transformando o seu carácter dende o que tiña de antiga estrada a un viario urbanizado e con espazo para o tránsito seguro dos peóns”, engadiu.
A intervención, financiada con fondos React da Unión Europea, incluíu a mellora do firme da calzada neste treito en Cequeliños e a súa ampliación ata os 6 m de ancho. E con ela resolvéronse distintas necesidades constatadas na contorna, de xeito que se instalou unha pasarela para o tránsito peonil; mellorouse o saneamento e abastecemento, colocáronse novos puntos de luz e 2 paradas de autobús con marquesiñas.
Lembrou que o Goberno galego xa construíu 300 km de sendas nas marxes das estradas autonómicas e prevé habilitar outros 150 km de itinerarios nesta lexislatura, co fin de seguir promovendo a mobilidade sostible.
Ademais a conselleira supervisou o novo aparcamento, que se sitúa case ao final da senda, nun treito desta PO-400 que estaba en desuso, e permitiu habilitar 17 novas prazas de estacionamento ademais de 2 para autobuses. Ten un investimento de preto de 50.000€.
María M. Allegue adiantou que a Xunta prevé continuar esta intervención nunha segunda fase coa mellora dunha intersección existente tamén nesta estrada en Cequeliños, na que se habilitará unha glorieta. O obxectivo é reforzar a seguridade nesta zona que conta cun elevado tráfico de vehículos pesados e escasa visibilidade.
Puxo en valor a aposta da Xunta pola conservación das estradas, materia á que destina este ano un investimento de 53M€, un 8% máis que o exercicio anterior. Estas cifras posibilitan que este verán estean en execución obras de mellora en 35 vías autonómicas.
Neste sentido, recordou que recentemente se levaron a cabo traballos de acondicionamento da capa de rodaxe na estrada visitada hoxe, a PO-400, ao paso por Arbo, Crecente e As Neves, mobilizando un orzamento de 3M€.
Acondicionamento da PO-400 en Rodo, en Crecente
Por outra parte, o Diario Oficial de Galicia (DOG) tamén publica hoxe o inicio do trámite de información pública do proxecto de acondicionamento dun treito antigo da PO-400 en Rodo, no Concello de Crecente. As achegas a este proxecto poderán formularse ata o vindeiro 4 de novembro.
Trátase dun treito antigo desta vía, duns 400 metros de lonxitude, para o que se propón a ampliación da calzada e a incorporación de beirarrúas en ambas marxes, creando un itinerario peonil continuo.
Tamén se proxectan actuacións para organizar a circulación e se prevé unha franxa de prazas de aparcamento na zona de merendeiro.