Así o recolle o Portal de Contratos Públicos de Galicia
A Xunta licita por 117.000 € o subministro e instalación de equipamento para o Laboratorio de Saúde Pública de Galicia
A adquisición de novos equipos vai permitir multiplicar a capacidade analítica do laboratorio para detectar novos patóxenos e contaminantes de interese nos alimentos e augas de consumo
As empresas interesadas neste contrato teñen de prazo ata o día 11 de outubro para presentar as súas ofertas
A adquisición deste equipamento permitirá avanzar no control do cumprimento da normativa no eido da seguridade alimentaria e da saúde ambiental
Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2024
A Xunta, a través da Consellería de Sanidade publicou hoxe no Portal de Contratos Públicos de Galicia a licitación, por un importe de 117.370 euros, do subministro e instalación de dous lotes de equipamento destinado ao Laboratorio de Saúde Pública de Galicia (LSPG).
O Laboratorio de Saúde Pública de Galicia é a unidade provedora das determinacións analíticas derivadas dos programas de vixilancia e control oficial que realiza a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade en materia de hixiene, seguridade alimentaria e saúde ambiental.
Para a realización das analíticas, e coa finalidade de manter e incrementar a súa carteira de servizos, o laboratorio dispón de diverso equipamento que é necesario ampliar e renovar periodicamente.
Esta nova licitación completa un investimento total realizado durante os anos 2022 e 2023 de case 1,5 millóns de euros no Laboratorio de Saúde Pública de Galicia, financiado con fondos europeos no marco do eixo REACT-UE do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020 como parte da resposta da UE á pandemia da covid-19.
A Xunta decidiu facer uso destes fondos europeos para renovar o equipamento e os sistema de información e xestión do laboratorio. Apostouse polo tanto, por dedicar estes fondos de recuperación tras a pandemia a potenciar precisamente a capacidade de prevención e control no eido da saúde pública, con investimentos que van permitir multiplicar a capacidade analítica do laboratorio para detectar novos patóxenos e contaminantes de interese nos alimentos e augas de consumo, entre outros.
O obxecto da presente contratación é completar esta renovación tecnolóxica xa comezada no ano 2022 mediante o subministro e a instalación dun analizador de carbono orgánico total e nitróxeno total e un cromatógrafo líquido HPLC, que se vai acoplar aos dous ICP-MS, que ten o laboratorio.
O analizador de carbono orgánico total e nitróxeno total permitirá realizar o control do cumprimento da regulamentación relacionada coas augas de consumo, tal e como vén recollido no Real Decreto 3/2023, do 10 de xaneiro, polo que se establecen os criterios técnico-sanitarios da calidade da auga de consumo, o seu control e o seu subministro.
Pola súa banda, o HPLC que se vai acoplar aos dous ICP-MS, servirá para realizar a especiación do arsénico e do mercurio. O proceso de especiación permitirá obter información sobre a biodisponibilidade e a toxicidade dun elemento, xa que algunhas especies de metais pesados e metaloides poden ser altamente tóxicas para humanos e animais. Sinalar que os compostos orgánicos de mercurio son máis tóxicos que os inorgánicos e, no caso do arsénico, é ao contrario, a evidencia indica que son máis tóxicas as formas inorgánicas.
Ata o de agora, o laboratorio só podía dar resultados do mercurio e do arsénico total e, a partir de contar con este equipamento, poderá avaliarse mellor o risco no caso de valores altos de mercurio ou arsénico nos alimentos, posto que se poderán coñecer as diferentes fraccións (orgánica e inorgánica). Ademais, cumprirase coa normativa europea de aplicación que indica que, a partir deste ano, será obrigatorio reportar estes datos segundo as fraccións, poñendo o laboratorio á vangarda das determinacións destes contaminantes nos alimentos.
As empresas terán ata o día 11 de outubro para presentar ofertas no portal do contratante.