A Xunta publica no Diario Oficial de Galicia a oferta de emprego de 25 prazas de médico de urxencias, por concurso de méritos, para o Complexo Hospitalario Universitario de Ourense
Trátase dunha oferta extraordinaria de emprego público cuxo obxectivo é axilizar a provisión de especialistas nun servizo considerado de difícil cobertura
Ofértanse a totalidade das vacantes existentes neste servizo do hospital ourensán, reservando 2 prazas para a quenda de discapacidade xeral
A oferta pública de emprego realízase baixo esta modalidade grazas ao impulso, por parte da Xunta, da reforma da Lei de medidas extraordinarias dirixidas á provisión de postos de difícil cobertura, aprobada no Parlamento a comezos de xullo, que dá esta consideración ás prazas de medicina de urxencias do hospital de Ourense
Co obxectivo de captar o maior número de profesionais posibles, incentívase co triplo de puntuación a experiencia laboral acumulada polos servizos prestados nas urxencias do hospital ourensán
O obxectivo é que o proceso poida estar resolto e as prazas de médico de urxencias cubertas no primeiro semestre do vindeiro ano
Santiago de Compostela, 7 de agosto de 2026
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica, na súa edición de hoxe, o decreto da Consellería de Sanidade polo que se aproba a oferta de emprego público para a provisión de postos de difícil cobertura da categoría de médico de urxencias hospitalarias do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense para 2026.
Nesta convocatoria extraordinaria ofértanse a totalidade das prazas vacantes que existen nesta unidade, reservando 2 prazas para a quenda de discapacidade xeral.
O obxectivo principal deste procedemento é garantir a calidade e a continuidade asistencial nun servizo sanitario considerado como prioritario, ademais dar unha resposta efectiva ás necesidades de persoal do centro que, malia contar cun cadro de persoal de 50 profesionais, na actualidade unicamente ten ocupadas 25 destas prazas.
A medida realízase ao abeiro da reforma da Lei de medidas extraordinarias dirixidas á provisión de postos de difícil cobertura, impulsada polo Executivo autonómico e aprobada no Pleno do Parlamento galego o pasado 7 de xullo, que dá esta consideración ás prazas de medicina de urxencias do hospital de Ourense.
Ademais, co obxectivo de captar o maior número de profesionais posibles, incentívase co triplo de puntuación a experiencia laboral acumulada polos servizos prestados nas urxencias do hospital ourensán.
Na actualidade, as necesidades de persoal do servizo de urxencias deste hospital estanse a resolver grazas ao esforzo e ao compromiso dos profesionais do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense e doutras áreas sanitarias, que están a cubrir as vacantes. Para iso, a Xunta puxo en marcha un programa especial de urxencias para que facultativos doutras áreas presten apoio e cubran o servizo de urxencias do hospital ourensán.
O obxectivo é que o proceso poida estar resolto e as prazas de médico de urxencias cubertas no primeiro semestre do vindeiro ano.
Con estas medidas, a Xunta mantén a súa aposta por reforzar o sistema sanitario público en Ourense, achegando a mellor asistencia sanitaria posible aos usuarios do Servizo Galego de Saúde.