A Xunta aposta por unha descarbonización gradual que inflúa positivamente na cidadanía e no tecido empresarial galego

O secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, Nicolás Vázquez, participa no encontro divulgativo Los retos de la reindustrialización verde en Galicia

Puxo en valor a Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia xa que vai achegar beneficios sociais e económicos nas zonas nas que se implanten

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2024

A Xunta de Galicia aposta por unha descarbonización gradual que permita ás empresas adaptarse aos novos requirimentos sen perder competitividade. Así o precisou o secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético da Xunta de Galicia, Nicolás Vázquez, no encontro divulgativo Los retos de la reindustrialización verde en Galicia.

Durante a súa intervención na mesa redonda Descarbonización económica: Oportunidad empresarial, mayor competitividad y dinamización territorial, Nicolás Vázquez asegurou que “se o obxectivo é descarbonizar a nosa economía, Galicia precisa moita máis enerxía de orixe renovable”.

Vázquez puxo en valor a Lei de promoción dos beneficios socias e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia. Con esta norma impulsada pola Consellería de Economía e Industria, a Xunta confirma a súa aposta por desenvolver proxectos de aproveitamento que impulsen a industria ao mesmo tempo que aportan melloras á cidadanía galega e ás zonas nas que se implantan.

Por último, o secretario xeral de Industria afirmou que non teñen sentido as posturas radicais en contra de todos os proxectos, xa que non sairá adiante ningún que non sexa compatible co medio ambiente. Neste punto, tamén aproveitou para defender a labor do persoal funcionario e das valoracións técnicas da Xunta de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/09/2024