O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración participou na xornada celebrada hoxe en colaboración coa Confederación de Empresarios de Lugo (CEL)
A Xunta pon en valor no encontro ‘Ultreia’ de Lugo as 12 empresas emerxentes seleccionadas para buscar financiamento no acto final a nivel galego
Unha vez celebradas as catro xornadas provinciais, José González agradeceu aos proxectos que se darán a coñecer ante investidores, mentores e outros referentes sectoriais a súa aposta por reforzar o tecido produtivo da nosa Comunidade
Incidiu en que Ultreia se enmarca no plan de acción de Galicia como Rexión Emprendedora Europea 2025, co gallo de darlle un pulo ao emprendemento a través da identificación das empresas emerxentes e dos novos retos de futuro
Lugo, 26 de setembro de 2024
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, participou hoxe en Lugo no cuarto e último encontro provincial do programa Ultreia Galicia Rexión Emprendedora, retos e solucións para un territorio intelixente, onde felicitou ás 12 empresas emerxentes escollidas desde a semana pasada para sondar financiamento no Foro de investimento final que terá lugar coa colaboración da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG).
O conselleiro puxo de relevo no encontro -que foi inaugurado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e no que tamén estivo o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández- o labor das confederacións empresariais nas citas que veñen de concluír á hora de contribuír a darlle un pulo ao emprendemento a través da suma de sinerxías e da identificación tanto dos negocios emerxentes como dos novos retos de futuro de sectores estratéxicos.
Financiado pola Unión Europea a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, González destacou que o programa Ultreia se enmarca no plan de acción de Galicia como Rexión Emprendedora Europea 2025, un recoñecemento outorgado á Comunidade polas políticas a prol de xerar emprendemento e emprego especialmente no rural co obxecto de fixar poboación e que agora teñen continuidade -dixo- con esta iniciativa.
O conselleiro avogou pola prioritaria remuda co gallo de manter os establecementos máis característicos e definitorios de cada contorna -esencialmente do comercio- pero tamén pola innovación con novas ideas de futuro. Todo isto garantindo a diversificación do tecido produtivo e o impacto real no territorio.
Nesa liña, o titular de Emprego referiuse a Galicia como unha auténtica terra de oportunidades na que se segue traballando para que os máis diversos negocios se asenten, asegurando tanto o mantemento dos que sempre estiveron e funcionaron como o nacemento de iniciativas novidosas que irán definindo o progreso da Comunidade.
Cómpre sinalar que no marco do propósito de axudar ás empresas emerxentes a atopar financiamento e de identificar os sectores estratéxicos cos seus retos e empresas tractoras, hoxe non só se escolleron os negocios que buscarán financiamento no acto final a nivel galego. Tamén se avogou por tecer redes e por compartir experiencias a través de distintas actividades.
Así, tras a conferencia inicial a cargo de Jorge Cebreiros, doutor en comunicación, formador e emprendedor social, coñecéronse casos de éxito no eido da aeronáutica, que virán sucedidos por outros nos campos forestal, agroalimentario e do turismo. Xa pola tarde, haberá dúas mesas de traballo: sobre investimento e sobre retos e oportunidades de emprender en Lugo.
Programa Ultreia
Ás catro xornadas provinciais que hoxe rematan estaban chamados proxectos innovadores con visión de futuro que procurasen proxección, mentorización e financiamento, co gallo de seguir reforzando o emprendemento galego. En total, participaron 240 axentes do ecosistema emprendedor, máis de 160 empresas emerxentes, 40 empresas tractoras de sectores estratéxicos e 16 casos de éxito.
O Foro de investimento no que buscarán apoios para facerse realidade os 12 negocios emerxentes seleccionados nas citas de Ourense, A Coruña, Vigo e Lugo prevé celebrarse entre outubro e novembro.