A Xunta incrementa cun millón de euros adicionais o apoio aos centros tecnolóxicos galegos

O conselleiro de Ciencia anuncia este aumento, ata acadar un total de 4,1M€, durante unha visita ao Clúster da Acuicultura (CETGA) en Ribeira

Este centro sitúase como referente internacional en acuicultura de peixes planos

Ribeira (A Coruña), 27 de setembro de 2024

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, anunciou hoxe un incremento dun millón de euros neste ano para gastos de estruturación dos centros tecnolóxicos galegos, ata acadar un total de 4,1M€. Trátase dunha convocatoria plurianual, correspondente aos anos 2023/24, está pensada para que os centros poidan “destinar o diñeiro que aportamos desde o Goberno galego ás súas necesidades para así lograr un mellor funcionamento”, sinalou Román Rodríguez.

Así o asegurou durante unha visita ao Centro Tecnolóxico do Clúster da Acuicultura (CETGA) en Ribeira,  que con este incremento recibirá un total de 285.627 euros, 70.000 máis que a achega inicial. O representante da Xunta de Galicia fixo fincapé na importancia “do traballo que realizan os centros tecnolóxicos na mellora das principais áreas económicas en Galicia”. Concretamente, o CETGA ten como fin mellorar o sector da acuicultura coa calidade do produto, garantías para o consumidor, innovación, formación e procura dos factores que satisfagan ao mercado, o que o sitúa como referente internacional en acuicultura de peixes planos.

Na visita, guiada polo director do centro Santiago Cabaleiro, o titular de Ciencia puido coñecer de primeira man como funciona o CETGA e o seu traballo na busca de solucións innovadoras para mellora de produtos e sistemas a través da I+D+i, así como a visión da intelixencia artificial na cadea produtiva das instalacións acuícolas ou o uso de novas ferramentas para actividades como o control de enfermidades infecciosas.

Visita aos laboratorios e a planta piloto

Entre os proxectos máis destacados do CETGA atópase Aquatrofic, co que se busca potenciar o cultivo de microalgas e outras especies de interese, e o Mivali, para desenvolver novas vacinas con un efecto protector a longo prazo. Así mesmo, o centro conta con oito laboratorios: autovacinas, bioloxía molecular, experimentación animal, análises químicos, microbioloxía, preparación de mostras, cultivo celular e microscopía. Ademais, conta cunha planta piloto para realizar un cultivo completo de calquera especie, cunha dilatada experiencia en cultivo de rodaballo, linguado, robaliza, dourada e mero.

Román Rodríguez comprometeu o apoio da Xunta de Galicia a actividade do CETGA, que xa leva recibido uns 2,8M€ do Goberno autonómico, dos que case 2M€ foron achegados desde a Axencia Galega de Innovación, dependente da Consellería de Ciencia. “É a nosa obriga como Administración pública apoiar aos centros tecnolóxicos galegos polo papel que desenvolven na dinamización da innovación entre o tecido empresarial”, concluíu.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/09/2024