O novo sistema de chamamentos dos docentes substitutos comezará a funcionar de maneira progresiva a partir do próximo curso
O director xeral de Centros e Recursos Humanos explica que o novo método se testará no primeiro trimestre do vindeiro curso co fin de que estea plenamente operativo desde xaneiro
Educación tamén avanza no Plan de simplificación burocrática coa dixitalización de todos os documentos organizativos dos centros e a votación en liña das familias para escoller aos representantes no Consello Escolar
Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2026
A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP vén de manter hoxe sendas reunións coas organizacións sindicais asinantes do Acordo de interinos e do Acordo de mellora educativa para analizar, respectivamente, a implantación do novo sistema de chamamentos dos docentes substitutos e das novas medidas de simplificación burocrática de cara ao vindeiro curso.
No que atinxe ao novo modelo de chamamentos, o director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, avanzoulles o funcionamento da aplicación informática que xa foi testada durante os últimos meses. Segundo expuxo, dada a complexidade do proceso de cobertura de baixas, durante o mes de setembro seguirá funcionando unicamente o sistema tradicional de chamada telefónica e xa a partir de outubro empezará a funcionar o novo método informático para determinadas especialidades que concentran menor número de profesorado. Trátase pois de comezar o proceso dun xeito progresivo e gradual durante o primeiro trimestre do vindeiro curso coa idea de que o sistema estea plenamente operativo a partir de xaneiro de 2027.
Cómpre lembrar que este novo sistema mediante aplicación informática, que foi acordado coas organizacións sindicais CCOO, ANPE, UGT-SP Ensino e CSIF, está deseñado para mellorar o funcionamento dos chamamentos para a cobertura de substitucións. Con este novo proceso rexístrase dun xeito automático e verificable cada oferta, resposta e adxudicación, é dicir, todas as fases do proceso, garantindo así a transparencia do proceso e evitando posibles incidencias derivadas de interpretacións subxectivas ou erros humanos. Así mesmo, permitirá axilizar a cobertura das baixas, dando unha reposta máis rápida ás necesidades dos centros de ensino.
Compromiso coa redución da burocracia
Por outra banda, na xuntanza da Comisión de seguimento do Plan de simplificación de tarefas burocráticas nos centros, na que tamén participou a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, analizáronse as novas medidas que se van implementar o vindeiro curso e que atinxen ao profesorado, ás familias e á relación entre os equipos directivos e os servizos centrais da Consellería.
No que atinxe á xestión interna, avánzase na dixitalización dos documentos organizativos dos centros. Así pois, neste eido, a partir de agora procesos como o Proxecto Educativo de Centro, a Programación Xeral Anual e as memorias de final de curso xa se poderán xestionar directamente en formato dixital, co conseguinte aforro de trámites intermedios ao tempo que se facilita a colaboración, avaliación e seguimento por parte de todos os implicados nestes procesos. No que respecta ás familias, vaise instaurar a votación en liña para elixir os representantes no Consello Escolar.
Así mesmo dáse un paso importante na xestión interna dos centros dotando de tarxetas identificadoras a todo o persoal orientador. Isto na práctica supón que estes profesionais poidan rexistrar directamente toda a información do alumnado no sistema, o que libera de carga administrativa aos equipos directivos.