A Xunta participa na inauguración da sede do consulado de Guinea-Bissau en Vigo

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, deu a benvida ao cónsul honorario de Guinea-Bissau en Vigo, Julio Vázquez Domínguez, e puxo en valor a cooperación galega en materia de sanidade e educación

Vigo, 27 de setembro de 2024

O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, participou esta mañá no acto de inauguración da sede consular de Guinea-Bissau en Vigo. No acto, Gamallo destacou a importancia que ten para Galicia dispoñer dun corpo consular activo e subliñou as boas relacións co Goberno galego.

Ademais, deu benvida ao cónsul honorario do país africano en Vigo, Julio Vázquez Domínguez, e destacou os lazos de cooperación, en especial nos eidos da sanidade e a educación, que a Xunta mantén con ese país a través da Cooperación Galega.

O director xeral tamén se referiu á importancia que os países da lusofonía teñen para a acción exterior da Xunta e lembrou que España conta co Estatuto de país asociado á Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (CPLP) grazas ás xestións realizadas pola Administración autonómica.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/09/2024