A Xunta analiza cos axentes sociais o “Plan de Seguridade Viaria de Galicia. Visión Cero” 2022-2025

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, clausurou a xornada cos axentes sociais celebrada hoxe en San Caetano para analizar a marcha do plan, que persigue como horizonte a eliminación de falecidos e feridos graves provocados polos accidentes de tráfico para o ano 2050

M. Allegue subliñou que o plan, que foi recoñecido como referente en seguridade viaria no ámbito nacional polo Observatorio Nacional de Seguridade Viaria, contempla 10 retos e un total de 58 actuacións, dos que 8 retos xa están acadados ao 100%

Na súa intervención, a conselleira fixo un repaso polas actuacións que está a levar a cabo a Xunta en materia de seguridade viaria e destacou a colaboración dos axentes sociais presentes e o diálogo “enriquecedor e produtivo” que se vén mantendo nos últimos anos baixo o obxectivo común de reducir as vítimas de accidentes

Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2024

A conselleira de Vivenda e Infraestruturas, María Martínez Allegue, clausurou hoxe en San Caetano a xornada cos axentes de seguridade e axentes sociais para analizar a marcha e cumprimentos do “Plan de Seguridade Viaria de Galicia. Visión Cero” 2022-2025, unha vez que se cumpriu a metade da súa vixencia. Ante representantes de Tráfico, a Garda Civil, asociacións e federacións, M. Allegue reafirmou o compromiso da Xunta coa seguridade viaria e destacou que neste momento 8 dos 10 grandes retos contemplados no plan xa están acadados ao 100%.

A xornada contou coa intervención do director da AXI, Francisco Menéndez, e coas técnicas Elena de la Peña e Laura Rey, que repasaron os resultados do plan, que persigue como horizonte a eliminación de falecidos e feridos graves provocados polos accidentes de tráfico para o ano 2050 e que, ademais de medidas e programas centrados na mellora das infraestruturas, incide tamén en promover a educación e a formación viaria.

Na súa intervención, M. Allegue subliñou que este programa, que foi recoñecido como referente en seguridade viaria no ámbito nacional polo Observatorio Nacional de Seguridade Viaria, contempla 10 retos e un total de 58 actuacións, dos que 8 retos xa están acadados ao 100%. “Imos polo bo camiño en canto ao desenvolvemento do Plan pero temos que seguir reflexionando para melloralo e que volvan baixar as cifras de sinistralidade, e nisto estamos a traballar -indicou-. Non deixaremos de centrar os nosos esforzos ata conseguir que non teñamos vítimas mortais nas estradas da nosa comunidade”.

A conselleira fixo un repaso polas actuacións que está a levar a cabo a Xunta en seguridade viaria, como o plan de reforzos de firme, que desde 2016 ten permitido mellorar máis de 1.000 km da rede de estradas titularidade da Xunta, ou o Plan de Sendas, co que se levan construídos preto de 300km de itinerarios peonís e ciclistas seguros, sostibles e integrados na paisaxe.

Por outra banda, lembrou que desde o 2016 a Estratexia para a Eliminación dos Treitos de Concentración de Accidentes  (TCA) nas estradas autonómicas permitiu desenvolver 35 actuacións, cun investimento de 14.4M€, co obxectivo de eliminar os 52 TCA existentes. Reformáronse 119 interseccións viarias en estradas autonómicas, incluíndo 24 novas rotondas e melloráronse 138 pasos de peóns. Así, a lonxitude que ocupaban os TCA descendeu en 87,7km en 2016 a 39,4 en 2022 e o descenso de número de accidentes con vítimas nos TCAs identificados no 2016 con respecto ao 2023 foi dun 59,1%.

Citou así mesmo, as actuacións de mellora de accesibilidade e seguridade para más de 1.000 paradas de autobús interurbano en estradas autonómicas, cun investimento de 35M€; a mellora da seguridade viaria nos Camiños de Santiago, ou estudo de  alternativas para evitar a irrupción de animais nas estradas. “En todas estas medidas -apuntou- seguiremos a reforzar investimentos”.

“Aínda quedan outros retos -engadiu M. Allegue-, que hoxe tamén estamos a analizar, detectando novas accións ou axustar algunha para aproximarnos o máximo posible aos obxectivos para 2025, cando remate do plan e que son reducir nun 25% as vítimas mortais e feridos graves nas vías interurbanas estradas autonómicas con respecto ás do ano 2019; a redución do 25% de falecidos e feridos graves nos colectivos vulnerables e reducir o número de falecidos e feridos graves no 25% nas travesías”.

A conselleira quixo destacar ademais o labor de sensibilización en materia de seguridade viaria que realizan federacións, asociacións e avogou por seguir a incidir nas campañas de formación e educación para promoción de condutas responsables de todos os usuarios das estradas. M. Allegue subliñou que se seguirán a estudar as propostas destes colectivos no marco do diálogo “enriquecedor e produtivo, que vimos mantendo nos últimos anos, unidos neste obxectivo conxunto de acadar cero falecidos”. “A seguridade viaria é cousa de todos e desde a colaboración e suma de esforzos acadaremos estes obxectivos”.

Na xornada tamén interveu o tenente coronel Antonio Hidalgo, xefe do Sector de Tráfico da Garda Civil de Tráfico de Galicia, para falar da concienciación cidadá sobre as medidas de control para a seguridade viaria. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/10/2024