A Xunta incrementa un 8% a colaboración coa ONCE para atender ao alumnado con discapacidade visual
O conselleiro de Educación e o delegado territorial da ONCE asinan un convenio para a mellora da atención educativa do alumnado con cegueira ou deficiencia visual grave
Destinarase 341.175€ para a contratación de sete profesores especializados
Pontevedra, 1 de outubro de 2024
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, asinou hoxe co delegado territorial da Organización Nacional de Cegos Españoles (ONCE), Manuel Martínez Pan, un convenio co obxectivo de mellorar a atención educativa do alumnado con cegueira ou deficiencia visual grave en Galicia. Este acordo, a través do cal se incrementa un 8% a partida orzamentaria con respecto ao anterior ata acadar os 341.175€, permitirá a incorporación de sete profesores especializados que traballarán en centros.
Durante a sinatura no Centro de Recursos Educativos da ONCE en Pontevedra, Román Rodríguez, acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, destacou que esta sinatura renova o compromiso do Goberno galego coa inclusión educativa, poñendo énfase na atención á diversidade e na eliminación das barreiras que poidan dificultar o acceso á ensinanza do alumnado con discapacidade visual.
O representante da Xunta tamén subliñou que esta colaboración “reforza a nosa aposta por un sistema educativo inclusivo, que aporta os recursos necesarios para garantir a mellor educación ás persoas con discapacidade e lograr a súa integración”. “Galicia lidera a atención á diversidade, hai estatísticas do propio Ministerio que constatan que temos o sistema máis inclusivo, xa que ningunha comunidade autónoma ten un sistema de ponderación do alumnado con necesidades educativas, que conta por dous e tres”, recalcou.
Adaptación de materias didácticos
Grazas a esta acción, recibirán apoio un total de 319 estudantes con discapacidade visual escolarizados en calquera ensino de réxime xeral e especial. Nesta liña, o titular de Educación explicou que o convenio “non só permite a dotación de profesores especializados, senón que tamén inclúe a adaptación de materiais didácticos a formatos accesibles, empregando plataformas dixitais”.
Ademais, promoverase a adaptación a braille ou a gravación dos libros e materiais curriculares, así como a realización de formación básica para profesores e titores das etapas obrigatorias que traballan con este alumnado.
Por parte da ONCE, a entidade comprométese a poñer a disposición dos estudantes e das súas familias os seus centros e servizos especializados, así como a proporcionar os recursos humanos e materiais necesarios. Tamén promoverá actividades de sensibilización nos centros educativos galegos, co fin de facer visible a realidade das persoas con cegueira e favorecer a súa plena inclusión na contorna escolar.