Encontro para estreitar as relacións institucionais co país africano

Alfonso Villares explora coa ministra de Pesca de Angola novas vías de colaboración para impulsar o sector marítimo-pesqueiro

O responsable autonómico deu continuidade á rolda de contactos iniciada no día de onte, e que continuará mañá, para establecer sinerxías que permitan dende o Goberno galego impulsar políticas tractoras que revertan no desenvolvemento económico da cadea mar-industria galega  

Vigo, 1 de outubro de 2024

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, explora coa ministra de Pesca e Recursos Mariños de Angola, Carmen do Sacramento Neto novas vías de colaboración para impulsar o sector marítimo-pesqueiro. O encontro de traballo enmarcouse na celebración da 25 edición da Feira Internacional de Conxemar, e serviu para estreitar relacións institucionais e afondar nos sólidos lazos comerciais, así como para abordar as posibilidades que as capacidades produtivas e tecnolóxicas poden achegar ao futuro desenvolvemento da industria pesqueira neste país africano.

Deste xeito, o responsable autonómico, acompañado polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, deu continuidade á rolda de contactos iniciada no día de onte, e que continuará mañá mércores para establecer sinerxías que permitan dende o Goberno galego impulsar políticas tractoras para o desenvolvemento económico da cadea mar-industria galega.

A pesca en Angola

A pesca e derivados representan un 2,7 % do PIB da actividade neste africano, de tal xeito que esta rexión é un mercado de gran importancia e tradición para a internacionalización da empresa española, sendo especialmente relevante dentro do contexto de expansión comercial de España na África subsahariana.

O Estado español é o sétimo provedor europeo de Angola e o primeiro cliente europeo debido ao importante volume das compras de petróleo que aumentaron considerablemente nos últimos anos. Tal é así que, nestes momentos, están instaladas nesta rexión unhas 34 empresas de nacionalidade española. En canto ao vínculo comercial de Galicia con este país, destaca a importación de polvo conxelado que, en 2023, superou as 47 toneladas, acadando un valor superior aos 500.000 euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/10/2024