O conselleiro de Sanidade, co director xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde e a directora xeral de Persoas con Discapacidade da Consellería de Política Social e Igualdade, inaugurou a xornada conmemorativa do Día Mundial da Saúde Mental
Gómez Caamaño avanza que a atención psiquiátrica infanto-xuvenil se ampliará ata os 18 anos, chegando ata os 21 nos casos de trastorno do espectro autista
Remarca que a saúde mental require dunha atención cada vez maior por parte dos profesionais sanitarios e das administracións públicas, sendo materia prioritaria para o Executivo autonómico
Incide en que o novo Plan de Saúde Mental que impulsa a Xunta permitirá afrontar os desafíos dos vindeiros catro anos, coa incorporación de psicólogos clínicos aos centros de saúde
Avoga por iniciativas que axuden a desestigmatizar o suicidio e lembra a posta en marcha de programas de prevención na mocidade, como o programa YAM
Agradece o traballo dos distintos colectivos e asociacións que traballan no coidado da saúde mental dos galegos
Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2024
A Xunta de Galicia ampliará a atención psiquiátrica infanto-xuvenil ata os 18 anos, chegando ata os 21 nos casos de trastorno do espectro autista. Así o avanzou hoxe o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, na xornada organizada pola Consellería de Sanidade con motivo da conmemoración do Día Mundial da Saúde Mental.
No acto tamén participaron o director xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, Alfredo Silva, e a directora xeral de Persoas con Discapacidade da Consellería de Política Social e Igualdade, Begoña Abeijón.
Na súa intervención, o titular da carteira sanitaria do Executivo galego remarcou que a saúde mental é un asunto de especial sensibilidade que precisa dunha abordaxe multidisciplinar. Trátase, dixo, dunha materia que require dunha atención cada vez maior por parte dos profesionais sanitarios e das administracións públicas e que para o Executivo autonómico é prioritaria.
Gómez Caamaño incidiu no compromiso da Xunta coa saúde mental, como reflicte a creación dunha subdirección xeral que está a reforzar as políticas neste eido.
Actuar desde a infancia e a xuventude
O conselleiro considerou fundamental actuar desde a infancia e a xuventude para ter unha poboación futura máis saudable. Nesta liña puxo en valor o traballo levado a cabo pola Xunta a través do Plan de Saúde Mental 2020-2024, que permitiu contratar 244 prazas de profesionais da saúde mental e crear novas unidades como as de Tui, Oleiros e Ponteareas.
Ademais, grazas ao Plan, a Xunta puxo en marcha sete unidades de prevención do suicidio, unha por área sanitaria, e impulsou hospitais de día de saúde mental infanto-xuvenil en toda Galicia.
O conselleiro avogou polo impulso de iniciativas que axuden a desestigmatizar o suicidio. Lembrou unha das medidas implementadas pola Xunta neste eido: a posta en marcha, de xeito pioneiro, dun novo modelo de prevención do suicidio na mocidade. Trátase do Programa YAM, que leva psicólogos e formadores aos centros escolares, e que en 2028 acadará toda a poboación de 3º da ESO.
Novo plan e agradecemento a colectivos e asociacións
Gómez Caamaño incidiu en que a Xunta elaborará un Novo Plan de Saúde Mental que permitirá afrontar os desafíos dos vindeiros catro anos, tendo claro o obxectivo da incorporación de psicólogos clínicos nos centros de saúde, dependentes dos servizos de Psiquiatría.
Para rematar a súa intervención, o conselleiro agradeceu o traballo dos distintos colectivos e asociacións que traballan no coidado da saúde mental, posto que son eles, mellor ca ninguén, dixo, quen coñecen as necesidades específicas das persoas que padecen estas doenzas.
A xornada conmemorativa de hoxe, celebrada no salón de actos da Consellería de Sanidade, contou coas intervencións de Julio Rodríguez, biólogo e xenetista clínico, quen falou de Redes sociais e saúde mental: as dúas caras da verdade. Seguidamente, Luis Caballero impartiu unha charla sobre Neurocinemática, psiquiatría e saúde mental.