Medio Rural intensifica a súa colaboración coa Mancomunidade de Montes de Vigo na mellora da xestión forestal e da prevención de incendios
Os directores xerais de Planificación e Ordenación Forestal e de Defensa do Monte reuníronse este mediodía con responsables desta entidade, coa que se manteñen xuntanzas de xeito periódico
Avanzouse na definición dunha área estratéxica de xestión para a defensa pasiva contra incendios forestais en terreos da Mancomunidade
Abordáronse tamén as posibilidades que ofrecen para as comunidades de montes as diferentes liñas de axudas que xestiona a Consellería en materia de planificación e ordenación forestal
Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2024
Os directores xerais de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, e de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, reuníronse este mediodía con responsables da Mancomunidade de Montes de Vigo para avanzar na colaboración en materia de xestión forestal sustentable e prevención de lumes. No encontro, un máis dos que se manteñen de xeito periódico con esta entidade, púxose en valor a cooperación entre a Xunta e a Mancomunidade en ambas materias.
Así, en relación coa prevención dos incendios, avanzouse na definición dunha área estratéxica de xestión para a defensa pasiva contra o lume en terreos da Mancomunidade. Trátase de definir e establecer unha zona con descontinuidade do combustible a través da combinación de diferentes figuras, tales como a silvicultura preventiva, a plantación de frondosas e outras especies ou o pastoreo.
Nesta reunión abordáronse tamén as posibilidades que ofrecen para as comunidades de montes as diferentes liñas de axudas que xestiona este departamento, tales como as destinadas á creación de superficies forestais, á silvicultura, ao fomento da boa gobernanza dos montes ou para propiciar e apoiar a constitución de agrupacións forestais de xestión conxunta.
Neste sentido, José Luis Chan lembrou que precisamente hai uns días publicábase a resolución das achegas para este tipo de agrupacións correspondente á convocatoria de 2024, que van permitir a creación de 20 novas entidades deste tipo por un importe de máis de 775.000 euros, incrementando ata 44 as asociacións inscritas no rexistro oficial. Ademais, o director xeral remarcou que, consonte ao acordado, entre estas novas agrupacións figurará unha da zona de Saiáns, denominada Vigo Sur, acolléndose a estas subvencións por un importe de preto de 20.000 euros.