O presidente do Executivo galego participa na inauguración deste centro que entrará en servizo o vindeiro luns
Rueda pon o novo CIS de Lalín e comarca de Deza como exemplo do compromiso da Xunta cunha atención sanitaria máis próxima, eficiente e resolutiva
O novo complexo evitará desprazamentos e unificará servizos de saúde para máis de 35.000 veciños da comarca de Deza ao incorporar servizos hospitalarios
Ofrecerá novas prestacións como cardioloxía, rehabilitación cardíaca e máis cirurxía ambulatoria co obxectivo de seguir ampliando a carteira de servizos progresivamente e evitar desprazamentos a Santiago
A nova infraestrutura sanitaria permite aglutinar nun mesmo edificio o centro de saúde, o PAC e a atención de emerxencias do 061
A Xunta investiu máis de 13,5 millóns na obra e no equipamento, que se suman aos 500.000 achegados polo Concello para a urbanización dun espazo moderno e accesible para pacientes e profesionais sanitarios
Lalín (Pontevedra), 10 de outubro de 2024
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo hoxe ao novo Centro Integral de Saúde (CIS) de Lalín e Comarca de Deza como exemplo do compromiso do Goberno galego por achegar os servizos sanitarios á cidadanía e garantir unha sanidade pública de calidade, máis próxima, resolutiva e á vangarda dos tempos.
Así o destacou durante a inauguración desta nova infraestrutura, a cal entrará en servizo o próximo luns, 14 de outubro, dando cobertura aos veciños e veciñas de Lalín, Agolada, Rodeiro e Dozón e blindando asistencias especializadas aos municipios de Silleda e Vila de Cruces. En total, máis de 35.000 habitantes desta comarca evitarán desprazamentos ao incorporar novos servizos hospitalarios.
A nova infraestrutura sanitaria permite unificar nun mesmo edificio o centro de saúde e o Punto de Atención Continuada (PAC) e os servizos de emerxencia do 061.
Rueda indicou que este CIS non é só un edificio moderno, amplo, accesible e ben equipado, senón un espazo que reflicte o esforzo da Xunta por mellorar a calidade de vida de todos os galegos e galegas independentemente do lugar no que vivan. Así mesmo, salientou que este novo espazo foi construído tamén pensando nas mellores condicións para os profesionais sanitarios que leven a cabo o seu labor nel.
O presidente tamén quixo agradecer a colaboración exemplar do Concello de Lalín, cuxo apoio foi fundamental para facer realidade esta infraestrutura tan demandada. Neste sentido, o proxecto contou cun investimento de máis de 13,5 millóns de euros por parte da Xunta para a obra e o equipamento, aos que se suman os 500.000 euros que achegou o Concello para a urbanización da parcela de máis de 5.700 m² no Alto de Vales.
O novo CIS de Lalín e Comarca de Deza conta con 4 andares, dos cales 3 están destinados ao centro de saúde e outro ao Punto de Atención Continuada (PAC). Ademais, alberga a base do 061 e dispón dunha helisuperficie para os helicópteros de emerxencias.
A execución do Centro Integral de Lalín e Comarca do Deza contou co financiamento de Fondos Europeos do programa operativo FEDER.
Novos servizos
Ademais dos servizos clásicos de atención primaria xa dispoñibles, o novo complexo permitirá ampliar o programa de cirurxía menor ambulatoria e ofrecer novos servizos hospitalarios como cardioloxía e rehabilitación cardíaca, co obxectivo de seguir ampliando a carteira de servizos progresivamente para permitir unha maior resolución e evitar desprazamentos a Santiago de Compostela.
De forma inmediata prestaranse servizos de atención hospitalaria como oftalmoloxía, xinecoloxía, cardioloxía, saúde mental, traumatoloxía e rehabilitación, ou hospitalización a domicilio.
Rueda subliñou que este CIS é o segundo en poñerse en marcha en Galicia, tras o de Lugo, e lembrou que xa están en marcha as obras doutro centro similar en Vigo, o Olimpia Valencia. Este modelo pioneiro de centros integrais de saúde busca fortalecer a atención primaria, facilitar a coordinación coa atención hospitalaria e mellorar a integración tecnolóxica.