A Xunta defende os intereses da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal na reunión da comisión luso-española para a cooperación transfronteiriza

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, defendeu as prioridades da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal en Sevilla

A mellora das infraestruturas, en especial a conexión de alta velocidade Galicia-Portugal, a aprobación do Estatuto do Traballador Transfronteirizo ou a posta en valor das manifestacións culturais e artísticas foron algunhas das reivindicacións máis destacadas

Sevilla, 11 de outubro de 2024

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou na Comisión Luso-Española para a Cooperación Transfronteiriza (CLECTF) que se reuniu na xornada de hoxe en Sevilla para preparar o Cumio Ibérico, previsto para o próximo 23 de outubro na localidade portuguesa de Faro.

Durante o encontro, Jesús Gamallo defendeu as prioridades de Galicia e da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, tendo en conta que no texto preparatorio elaborado en colaboración coa Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional do Norte (CCDR-Norte) están recollidas tanto reivindicacións da eurorrexión froito da actividade diaria de fronteira.

Entre as demandas máis destacadas inclúese a proposta de que os presidentes das rexións transfronteirizas podan estar presentes nos Cumios Ibéricos, xa que moitos dos temas tratados caen dentro das competencias rexionais e autonómicas.

Por outra banda, a Xunta e a CCDR-Norte consideran prioritaria a mellora das infraestruturas de conexión entre o territorio da Eurorrexión, especialmente as ferroviarias coa conexión por tren de alta velocidade entre Galicia e Portugal como acción preeminente, a aprobación do Estatuto do Traballador Transfronteirizo, a maior divulgación das manifestacións culturais e creativas ou a utilización coordenada do espectro radioeléctrico, entre outras.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/10/2024