A Xunta salienta o papel do Camiño de Santiago para reforzar os valores da inclusión e superación

O director de Turismo de Galicia recibe no Obradoiro máis de 140 mozos en situación de vulnerabilidade social e con discapacidade tras percorrer o Camiño Francés

A iniciativa está organizada pola asociación #UP2U Project e a Fundanción También e nesta oitava edición estivo apadriñada por Vicente del Bosque e Irene Villa

Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2024

O director de  Turismo de Galicia, Xosé Merelles, recibiu esta mañá en Santiago de Compostela aos 150 participantes da VIII edición do Camiño dos Valores que culminaron esta experiencia despois de iniciar en Sarria o pasado xoves a última parte do Camiño Francés.

Xosé Merelles puxo en valor a importancia do Camiño de Santiago para fomentar os valores da inclusión e superación, así como a cooperación e integración. Tamén eloxiou a decisión e o empuxe dos mozos e mozas participantes así como dos educadores, técnicos, voluntarios e monitores que os acompañaron para realizar esta experiencia e tomar conciencia de todo o que significa o Camiño e o traballo persoal que se pode realizar durante o seu percorrido. “Iniciativas coma esta fannos avanzar máis que nunca na proxección dos valores da ruta xacobea, ao tempo que os afianza e revela como ferramenta de autoaxuda para atender situacións difíciles que poden ter saída desde o compromiso e a reflexión individual e social”, subliñou.

O ‘Camiño dos Valores’ alcanza este ano a súa oitava edición e veuse desenvolvendo desde o pasado xoves, 10 de outubro, cando o grupo iniciou o percorrido en Sarria. Este ano, o lema elixido foi ‘Camiñando pola discapacidade’, e ademais da entidade promotora da iniciativa #UP2U Project, liderada pola maxistrada do xulgado de menores número 1 de Las Palmas de Gran Ganaria, Reyes Martel, tamén participou na súa organización e desenvolvemento, a Fundación También que pretende visibilizar o colectivo e a súa integración social. A iniciativa estivo apadriñada este ano por Vicente del Bosque e Irene Villa, tamén presentes no acto.

‘Camiño dos Valores’ é unha iniciativa de carácter social que pretende fomentar a inclusión social dos mozos e mozas utilizando o Camiño de Santiago como unha ferramenta para a reflexión, o autodescubrimento e a aprendizaxe de valores sociais.  Nesta ocasión, os mozos participantes procedían de Galicia, Canarias, Andalucía, Cantabria, Valencia, Baleares e Castela A Mancha.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/10/2024