O director da Axencia Galega de Infraestruturas participa no Pleno do Consello Superior de Tráfico, Seguridade Viaria e Mobilidade Sostible
Madrid, 14 de outubro de 2024
O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, participou hoxe no Pleno do Consello Superior de Tráfico, Seguridade Viaria e Mobilidade Sostible. Trátase do órgano superior de coordinación en materia de seguridade viaria, no que participan as administracións públicas, usuarios ou asociacións.
Francisco Menéndez trasladou a preocupación polos datos de condutas imprudentes nas estradas e as elevadas cifras de positividade en alcol e drogas, causantes de accidentes de tráfico. Tamén se referiu ás prácticas de avisos de controis a través das redes sociais.
Ademais fixo fincapé na necesidade de reforzar a coordinación no ámbito da seguridade viaria entre administracións titulares das estradas e tamén coa Dirección Xeral de Tráfico. Neste sentido, trasladou a disposición da Xunta para aumentar esta colaboración.
Cómpre lembrar que a Xunta está a desenvolver o Plan de Seguridade Viaria de Galicia. Visión Cero 2022-2025, recoñecido como referente no ámbito nacional. Este programa contempla 10 retos e 58 actuacións, dos que 8 retos xa están acadados ao 100%.