A delegada territorial da Xunta en Ferrol informou da convocatoria durante unha visita a unha vivenda beneficiaria no municipio de Cabanas
Martina Aneiros lembra que o prazo para solicitar as axudas á rehabilitación para os ARI dos Camiños de Santiago remata o próximo 23 de outubro
Destaca que esta orde de axudas “é un exemplo da política do Goberno galego de aposta pola rehabilitación e a conservación do patrimonio construído”
Esta convocatoria da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas conta cun orzamento de 865.387 euros
Cabanas (A Coruña), 16 de outubro de 2024
A Xunta de Galicia ten aberto ata o próximo 23 de outubro o prazo de solicitude das axudas para actuacións de rehabilitación e renovación nas Áreas de Rehabilitación Integral (ARI) dos Camiños de Santiago. Así o lembrou esta tarde a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, durante a visita a unha vivenda beneficiaria desta convocatoria no municipio de Cabanas na que estivo acompañada do alcalde, Fernando Couce.
Neste caso, a achega, destinada ao lavado de paredes, repaso de faltas e fendas, imprimación e pintado da fachada do inmoble, ascendeu a preto de 5.000 euros.
Martina Aneiros destacou que esta convocatoria de axudas “é un exemplo da política do Goberno galego de aposta pola rehabilitación e conservación do patrimonio construído” e incidiu na súa importancia á hora de acceder a fogares máis eficientes enerxeticamente e acordes ás necesidades de habilitabilidade actuais.
Esta convocatoria de axudas da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas conta cun orzamento de 865.387 euros.
Requisitos para acceder ás axudas
Segundo informou a delegada territorial, para poder acollerse a elas é requisito imprescindible contar coa cualificación definitiva outorgada polo Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) que se obtén tralo remate das obras de rehabilitación.
Antes da obtención da cualificación definitiva, débese obter a cualificación provisional. Este trámite pode realizarse por vía electrónica na sede da Xunta e ten o prazo de solicitude aberto ata novembro de 2025. No momento no que se finaliza a actuación, os solicitantes deben comunicar o fin da obra e xustificala para solicitar a cualificación definitiva, coa finalidade de poder acceder á convocatoria de axudas de rehabilitación.
A contía das achegas non poderá superar o 50% do importe subvencionable da actuación. Este límite incrementase ata o 75% se os ingresos da unidade de convivencia promotora da actuación e residente na vivenda son inferiores a 3 veces o IPREM ou cando se acometan actuacións para a mellora da accesibilidade e se acredite que na unidade de convivencia existen persoas con discapacidade ou maiores de 65 anos. O importe máximo das axudas poderá acadar os 30.000 euros.