A Xunta adxudica a nove entidades e concellos as axudas para o ‘Xuventude Mentoring na Empresa’
Destínanse 1,5M€ para estadías formativas de ata catro meses en organismos públicos ou privados para a mocidade de 18 a 30 anos
O obxectivo da iniciativa é mellorar a capacidade profesional e as oportunidades laborais das persoas participantes
Santiago de Compostela, 17 de outubro 2024
O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a adxudicación a nove entidades e concellos as axudas para acollerse ao programa Xuventude Mentoring na Empresa. A convocatoria desta segunda edición ofrece á mocidade estadías formativas de ata catro meses en organismos públicos ou privados vinculados a sectores económicos estratéxicos de Galicia. Trátase dunha iniciativa que pretende mellorar as súas posibilidades de incorporación ao mercado laboral.
As entidades sen ánimo de lucro beneficiarias nesta convocatoria foron as asociacións Esgaia Inserta, Empresarios de Redondela, Iris Social, Empresarios de Mos, a Provincial de Empresarios da Construción de Ourense, a Federación de Escolas Familiares Agrarias de Galicia e a Fundación Impulsarse para o Desenvolvemento do Emprego e a Integración Social. En canto ás entidades locais que recibirán as subvencións atópanse o concello de Ponteareas e o de Camariñas, agrupándose neste último as corporacións de Camariñas, Muxía e Vimianzo.
O Goberno galego destina 1,5 millóns de euros a esta proposta, financiada nun 60% pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027. O Xuventude Mentoring na Empresa ten como finalidade reforzar tanto a empregabilidade como as habilidades e competencias profesionais de mozos e mozas con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos e que se atopen inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil.
As asociacións e concellos que reciben estas axudas deberán contar cun mínimo de 10 e un máximo de 25 persoas mozas participantes e a estadía formativa destas será de catro meses consecutivos, cunha duración mínima de 100 horas ao mes e un mínimo de catro días á semana. O importe máximo concedido a cada entidade para poñer en marcha o seu proxecto é de 140.000€ e as persoas participantes recibirán unha bolsa dun mínimo de 661,5€ ao mes e contarán cun plan formativo en habilidades e competencias para o emprego impartido pola entidade beneficiaria.
As empresas ou organizacións públicas ou privadas que acollerán ás persoas en prácticas atópanse vencelladas a sectores estratéxicos na Comunidade como son a aeronáutica, a agroalimentación, a biotecnoloxía, a automoción, as enerxías renovables, o naval, o téxtil, as tecnoloxías da información e da comunicación ou o que ten que ver coa calidade de vida e benestar.