O encontro está organizado pola Asociación Hermérico, co apoio da Xunta de Galicia e da Autoridade Portuaria de Vigo

Alfonso Villares pon en valor o papel do sector pesqueiro como provedor de alimentos de calidade no VII Congreso de Ibernáutica

Destaca o esforzo do sector marítimo-pesqueiro que se demostra na altísima calidade dos produtos que ofrece ao consumidor, obtidos de xeito responsable e preservando o medio mariño

Nun momento no que a tendencia nos mercados é negativa, apela á vontade colaboradora de todos para potenciar a valorización das especies extraídas da nosa costa

Vigo, 17 de outubro de 2024

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, puxo en valor o esforzo do sector marítimo-pesqueiro que se demostra na altísima calidade dos produtos que ofrece ao consumidor, garantindo a seguridade alimentaria e conservando os recursos e o medio; o que provoca que estes alimentos acaden un alto prestixio comercial e social.

Deste xeito, incidiu na importancia de que se celebren foros como o indicado, pois contribúen de xeito directo a atallar outro dos retos que afronta o sector e que está dirixido a reverter a tendencia negativa nos mercados. Tal é así que para dar continuidade a este compromiso, Villares apelou á vontade colaboradora de todos, xa que potenciar a valorización dos produtos debe e ten que ser un obxectivo irrenunciable.

Ibernáutica 2024

Esta é a primeira edición de Ibernáutica baixo a organización da Asociación Hermérico, co apoio da Xunta de Galicia e da Autoridade Portuaria de Vigo. Deste xeito, e coa  denominación Premium Sea´s Gastronomy, dende hoxe ata mañá, abordarase o desenvolvemento sostible da gastronomía relacionada co mar, en todas as súas vertentes.

O encontro, que foi inaugurado polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, está composto de tres mesas nas que se analizarán a historia da gastronomía, as potencialidades da cadea mar-industria como fornecedora de subministro de bens alimentarios ás diferentes tipoloxías de frota e á sostibilidade das actividades mariñas a medio longo prazo.

Participarán relevantes profesionais tanto vinculados á cadea extractiva de transformadora de produtos marítimos, á industria naval e dirixentes de centros e escolas de alto nivel relacionados coa formación de profesionais hostaleiros vencellados coas diferentes frotas presentes no mar.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/10/2024