A consellería de Sanidade convoca o Comité Técnico do mosquito tigre para informar sobre a situación deste vector de importancia na saúde pública en Galicia

O Comité Técnico do mosquito tigre contou coa participación dos integrantes da Rede Galega de Vixilancia de Vectores (REGAVIVEC), diferentes organismos da Xunta, Sanidade Exterior, Deputación de Pontevedra e os concellos de Moaña, Vigo e Vilaboa

No que vai de ano 2024 reportouse a presenza do mosquito tigre nos municipios de Moaña, Vigo, Cangas, Redondela e Vilaboa

Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2024

A consellería de Sanidade vén de celebrar unha nova reunión do Comité Técnico do mosquito tigre, creado o pasado ano, a raíz da identificación por primeira vez deste vector con importancia na saúde pública en Galicia.

Como nas anteriores convocatorias, neste Comité participaron profesionais da Dirección Xeral de Saúde Pública do ámbito da epidemioloxía e saúde ambiental, investigadores expertos en entomoloxía da USC e da Uvigo, representantes de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, da Consellería do Medio Rural, de Emerxencias 112-Galicia, da Área sanitaria de Vigo, da Dirección Territorial de Sanidade de Pontevedra, da Deputación de Pontevedra, de Sanidade Exterior e dos concellos de Moaña, Vigo e Vilaboa. Non estiveron presentes nin representantes do concello de Cangas, nin do Concello de Redondela, a pesar da detección do mosquito nos seus municipios.

Na xuntanza púxose en común, tanto por parte da Dirección Xeral de Saúde Pública, como por membros das universidades, os resultados da vixilancia entomolóxica realizada pola Rede Galega de Vixilancia de Vectores (REGAVIVEC) mediante o trampeo reforzado que leva a cabo a Xunta, así como a vixilancia entomolóxica a través do Mosquito alert, aplicación de ciencia cidadá.

Actualmente reportáronse exemplares do mosquito tigre (Aedes albopictus) ben recollidas pola Rede Galega de Vixilancia de Vectores (REGAVIVEC) ou ben notificados pola aplicación Mosquito Alert en cinco concellos, concretamente en Moaña, Vigo, Cangas, Redondela e Vilaboa, que son os concellos no que se reportou o ano pasado, polo que todo fai pensar que se está a estabilizar a súa presenza na zona.

Tanto os expertos das universidades como o persoal técnico da Dirección Xeral de Saúde Pública consideran que as densidades atopadas neste ano son menores que o ano anterior, aínda que se está a ver certa expansión xeográfica nas zonas dos concellos afectados.

Así mesmo, fíxose un repaso da situación epidemiolóxica na comunidade xa que o Aedes albopictus é un potencial transmisor dos virus de enfermidades como o dengue, o Zika ou o chikungunya aínda que actualmente en Galicia o risco de contraer estas enfermidades é moi baixo debido a que todos os casos reportados son importados e moitos deles xa non chegan á comunidade en fase de viremia.

Na xuntanza expuxéronse polos participantes no comité as actuacións que se levaron a cabo desde a anterior reunión no mes de setembro segundo o seu ámbito competencial. 

Como conclusión considérase que se debe de continuar co prevención durante este mes, mentres continúen as condicións favorables para a súa reprodución como son as temperaturas suaves e as choivas intermitentes. Por iso, lémbranse que a maneira máis efectiva de evitar esta proliferación é impedir a posta de ovos e o crecemento das larvas con pautas sinxelas como eliminar puntos de auga estancada en bebedeiros de animais e mascotas, pratos baixo macetas, caldeiros á intemperie ou embarcacións co seu simple baleirado ou coa renovación da auga cada 4-5 días. 

Recordouse a necesidade de que os concellos afectados reforcen a vixilancia dos cemiterios ante a celebración do Día de Todos os Santos, e sempre que sigan as condicións meteorolóxicas favorables, xa que son lugares susceptibles de iso, tal e como se recolle no Programa xestión integrada do mosquito tigre elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública, a Consellería de Sanidade.

Acordouse, así mesmo, que o comité se reúna a mediados ou finais de novembro para dar por finalizada a tempada de vixilancia reforzada do ano 2024 e establecer as actuacións a levar a cabo ata o ano que vén.

Toda a información e recomendacións atópanse na páxina web da Rede Galega de Vixilancia de Vectores (REGAVIVEC) da Consellería de Sanidade.

Máis información: https://www.sergas.es/Saude-publica/Mosquito-tigre?idioma=ga.

Data de actualización: 18/10/2024