Na entrega do “Hadassa Bay”, que formará parte da frota galega que opera nas Malvinas

Villares destaca que o novo buque de Copemar fortalece a industria marítimo-pesqueira de Galicia e representa o esforzo do sector pola renovación da súa frota

O conselleiro pon en valor o esforzo da empresa por reinventarse, garantindo a calidade do produto, ao ser capturado segundo criterios de sostibilidade e corresponsabilidade

O navío está equipado coas últimas tecnoloxías de navegación, coeficiencia, seguridade e confort para a tripulación, afianzando deste xeito a posición de liderado nacional desta industria nun mercado cada vez máis competitivo

Vigo, 23 de outubro de 2024

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, destaca a aposta de South Atlantic, da que forma parte a viguesa Copemar, pola sostibilidade e a corresponsabilidade coa adquisición do novo buque “Hadassa Bay”, demostrando así o gran potencial que ten a industria marítimo-pesqueira galega.

O responsable autonómico felicitou a esta empresa por reinventarse, garantindo, de xeito paralelo, a calidade do produto, ao ser capturado con respecto ao equilibrio mariño e preservando o medio; un proceso que, en palabras de Villares, é posible grazas á eficacia e á produtividade nas capturas coa última tecnoloxía pesqueira e de navegación, tanto desde o punto de vista do procesamento a bordo, como da flexibilidade, a adaptabilidade da produción, a vixilancia e a xestión de datos, así como da seguridade da tripulación. En definitiva, unha adquisición que permite limitar o seu impacto no mar e que é todo un exemplo do gran esforzo que está realizando no sector pola renovación da súa frota.

“Hadassa Bay” formará parte da frota de capital galego que opera nas Malvinas, onde se realiza, principalmente, a captura do calamar que xera un amplo retorno nas industrias vinculadas, como son os elaborados, a loxística frigorífica ou o transporte marítimo. Esta pesqueira é unha das mellor xestionadas a nivel mundial por dúas razóns: a asignación de dereitos pesqueiros a longo prazo (25 anos) e a corresponsabilidade na xestión do recurso ata o punto de que todos os buques embarcan a científicos en cada campaña para que realicen os correspondentes informes sobre o estado do stock.

Referente na construción naval

Galicia consolídase así como un referente na construción naval de barcos dirixidos á captura deste recurso, segmento no que as armadoras galegas acumulan un investimento de máis de 240 millóns de euros nos últimos seis anos.

É o maior proceso de renovación da frota das últimas catro décadas, polo que representa un fito significativo tanto para a industria pesqueira española como para o propio estaleiro de Vigo, onde foi construído, e que ten en carteira a construción de 12 barcos e ao redor de 600 traballadores.

O novo buque de altura substitúe ao “Baffin Bay” que, a principios de decembro de 2020, se afundiu no Porto de Bouzas, tras superar un aparatoso incendio. Conta cunha capacidade para uns 70 tripulantes e a súa fabricación supuxo 250.000 horas de traballo, con picos de traballo de ata 160 operarios procedentes do arsenal e de varias decenas de empresas auxiliares.

Enarbolará bandeira española, con matrícula naval da cidade olívica, como se pode apreciar nas amuras e aletas. Cun peso de 2.493 toneladas, mide 75 metros de eslora e 15 de manga. Está equipado coas últimas tecnoloxías en equipamento pesqueiro, navegación, coeficiencia, seguridade e confort para a tripulación. Ten propulsión híbrida para a redución do consumo do combustible e emisións contaminantes. Representa a unha nova xeración de buques que afianza a posición de liderado da industria pesqueira española, nun mercado cada vez máis competitivo.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 24/10/2024