A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, asinou hoxe un convenio de colaboración co alcalde do concello, Luis Oujo

A Xunta financiará obras de mellora da seguridade no centro de día de maiores de Porto do Son

Destinaranse 50.000 euros a facer un peche perimetral para estas instalacións que son de titularidade municipal

Porto do Son (A Coruña), 27 de outubro de 2024

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, e o alcalde de Porto do Son, Luis Oujo, asinaron hoxe un convenio de colaboración para a realización de obras de mellora da seguridade no centro de día para persoas maiores do concello. A Xunta de Galicia financiará con 50.000 euros o peche do perímetro da parcela na que se asenta o inmoble.

O concello será o encargado de contratar e executar os traballos, que consistirán na construción dun muro de formigón de arredor de 60 centímetros de altura. Ademais, instalarase un portal para o acceso rodado e peonil dotado de videoportero na entrada principal á parcela.

Esta intervención súmase a outras realizadas neste centro de día. Unha das mais recentes foi a construción dunha marquesiña que cubre o acceso ao inmoble e que protexe aos usuarios do servizo cando chegan e saen.

Andaina contra o cancro

Posteriormente, a conselleira de Política Social e Igualdade participou xunto ao rexedor na andaina solidaria contra o cancro de mama que organiza cada ano o Concello de Porto do Son en colaboración coa Asociación Española contra o Cancro. 

Trátase da cuarta edición deste evento, no que esta mañá participaron preto de 200 persoas e cuxa recadación se destina integramente a esta entidade. O percorrido solidario, de case catro quilómetros, comezou no paseo marítimo da localidade e continuou ata o faro de Caveiro, volvendo despois ao punto de partida.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/10/2024