Medio rural destaca a innovación colaborativa como ferramenta para reforzar a competitividade e a sustentabilidade do sector agroalimentario galego
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria participou hoxe na xornada técnica do proxecto SOST4VID, celebrada en Bodegas As Laxas
Arbo (Pontevedra), 27 de xullo de 2026
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural, Martín Alemparte, participou hoxe na xornada técnica do proxecto SOST4VID, celebrada nas instalacións de Bodegas As Laxas, no concello pontevedrés de Arbo. Durante a visita puxo en valor o papel dos grupos operativos como ferramenta para trasladar a investigación e a innovación ao sector produtivo, favorecendo a incorporación de solucións que melloren a competitividade, a sustentabilidade e a eficiencia das explotacións e industrias agroalimentarias galegas.
O proxecto SOST4VID está impulsado polo grupo operativo integrado por Asaga, Soltec Enxeñeiros, Medrar Smart Solutions & Consulting, a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), Bodegas As Laxas e Adegas Guímaro, e ten como obxectivo desenvolver e validar solucións de agrofotovoltaica aplicadas á viticultura galega. A iniciativa combina a produción de enerxía renovable co cultivo da vide para avanzar cara a explotacións máis eficientes e sostibles, favorecendo o autoconsumo enerxético, reducindo a pegada de carbono e avaliando novas ferramentas que permitan afrontar con maiores garantías os efectos do cambio climático.
Neste marco, Bodegas As Laxas acolle unha das instalacións piloto do proxecto, na que se avaliarán aspectos como o comportamento agronómico do viñedo baixo sistemas agrofotovoltaicos, a súa viabilidade técnica, económica e ambiental, así como a súa contribución á redución das emisións e á mellora da eficiencia enerxética. O proxecto complétase cunha segunda instalación piloto en Adegas Guímaro, na Denominación de Orixe Ribeira Sacra, permitindo comparar os resultados en dous modelos de viticultura representativos de Galicia.
O director destacou que "a investigación só cumpre plenamente a súa función cando chega ao territorio e se transforma en solucións útiles para as explotacións e as industrias agroalimentarias". Neste sentido, sinalou que os grupos operativos constitúen un modelo de innovación colaborativa no que produtores, empresas, centros de investigación e entidades de asesoramento traballan de maneira conxunta para dar resposta aos retos reais do sector e acelerar a transferencia de coñecemento.
A xornada incluíu a presentación dos obxectivos e das actuacións desenvolvidas polos distintos socios do proxecto, así como unha visita técnica á instalación piloto, na que os asistentes puideron coñecer de primeira man o funcionamento desta tecnoloxía e os traballos de seguimento agronómico que se están levando a cabo.
Grupos operativos
Os grupos operativos forman parte da Asociación Europea para a Innovación en materia de produtividade e sustentabilidade agrícolas (AEI-Agri) e teñen como finalidade impulsar proxectos colaborativos que aceleren a transferencia de coñecemento ao sector e faciliten a incorporación de solucións innovadoras con aplicación práctica. As axudas para o seu desenvolvemento están financiadas no marco do Plan Estratéxico da Política Agraria Común (PEPAC) 2023-2027 e son xestionadas pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria.