Belén do Campo destaca o apoio da Xunta á Sociedade de Montaña Ártabros para a renovación do seu rocódromo

A delegada destacou que a Xunta reforza a súa aposta por este tipo de infraestruturas co seu orzamento nesta ámbito, xa que este ano destinou 22 millóns de euros a 400 actuacións en infraestruturas deportivas de Galicia

A Coruña, 30 de outubro de 2024

A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada polo presidente da Sociedade de Montaña Ártabros, Alfonso Louro  e membros da xunta directiva, asistiu, esta tarde, aos adestramentos nas súas instalacións para visitar as obras realizadas de mellora do rocódromo boulder para o que contaron cunha axuda da Xunta de Galicia de 25.000 euros entre o 2023 e 2024. O  obxectivo principal desta actuación foi mellorar o equipamento nas instalacións do centro.

A representante do Goberno autonómico puxo en valor a traxectoria deste club, fundado en 1974, cumprindo o seu 50 aniversario este mesmo ano. Conta xa con 211 licencias de montañismo, 37 de orientación e 6 de espeleoloxía. A delegada subliñou que “Artabros é un club vivo e dinámico, no que teñen cabida todo tipo de persoas con vínculo común do amor pola natureza e polas actividades que nela se poden desenvolver”. Neste senso, que a administración rexional tamén contribúe con esta entidade para ao funcionamento do tecido deportivo con achegas a federacións e clubs co obxectivo de que poidan levar realizar as súas actividades de espeleoloxía, montañismo e orientación.

Belén do Campo lembrou que este apoio forma parte da orde de axudas do Goberno galego  para  entidades para a construción, reforma, reparación, adecuación ou mellora de instalacións deportivas. Neste senso, lembrou que a Xunta reforza a súa aposta por este tipo de infraestruturas co seu orzamento nesta ámbito, xa que este ano destinou 22 millóns de euros a 400 actuacións en infraestruturas deportivas da comunidade. Neste montante, inclúense 17,5 millóns en instalacións de titularidade autonómica, municipal ou de entidades deportivas, así como os proxectos beneficiarios das axudas de 5 millóns de euros do fondo adicional de Fondo de Cooperación Local para melloras de eficiencia enerxética nestas instalacións.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/10/2024