A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, participou hoxe na presentación da I Exposición e Congreso da pedra natural Stone.gal
Lorenzana destaca que Galicia ten unha gran vantaxe competitiva cos seus recursos naturais e defende que o seu aproveitamento é compatible co desenvolvemento industrial
“Estamos moi ben posicionados e non sería comprensible que non aproveitaramos os recursos que ten Galicia”, sinala
Subliña que Galicia é unha comunidade líder a nivel nacional en pedra natural e “que somos unha das principais rexións produtoras de granito e de lousa do mundo”
Destaca que na Comunidade hai 95 explotacións cun nivel de produción que supera os 150M€
Vigo, 31 de outubro de 2024
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe que Galicia ten unha gran vantaxe competitiva cos seus recursos naturais e defendeu que o seu aproveitamento “é compatible co desenvolvemento industrial na Comunidade”.
Así o manifestou durante a presentación da I Exposición e Congreso da pedra natural Stone.gal, que se celebrará o vindeiro mes de xuño en Vigo, onde sinalou que “temos que ser capaces de aproveitar os nosos recursos naturais e temos que conseguir que repercutan en beneficios para a nosa cidadanía e as nosas empresas”, dixo. “Estamos moi ben posicionados e non sería comprensible que non aproveitaramos os recursos que ten Galicia”, engadiu.
Nesta liña lembrou a aprobación da Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que fagan uso dos recursos naturais de Galicia -aprobada a semana pasada no Parlamento galego- sobre a que explicou que “nos aliñamos co que nos pide Europa e ademais cremos que este aproveitamento dos recursos naturais do noso territorio é compatible co respecto ao noso patrimonio natural e ao medio ambiente”, subliñou.
Na súa intervención, a conselleira apuntou que Galicia é unha comunidade líder a nivel nacional en pedra natural, e de xeito especial, no granito e na pedra, unha posición privilexiada, dixo, que “pode brindarnos unha vantaxe competitiva que temos que aproveitar nos mercados internacionais”, pois Galicia é unha das principais rexións produtoras de granito e de lousa do mundo e “estamos no noso mellor ciclo exportador”, dixo.
Así, puxo en valor o papel fundamental do sector da minería para o progreso de Galicia, tanto en termos de desenvolvemento económico, como de innovación e sustentabilidade, e destacou que en Galicia hai 95 explotacións dedicadas ao granito ornamental e á lousa cun nivel de produción que supera os 150M€. “Isto mostra o seu potencial e o nivel de desenvolvemento que agora temos no noso territorio”, sinalou.
Finalmente, María Jesús Lorenzana subliñou que esta feira será unha “gran plataforma para visualizar a importancia do sector en Galicia; para intercambiar coñecementos e potenciar o modelo de desenvolvemento sustentable desta industria que vai xerar riqueza e benestar para as empresas e a cidadanía; e para potenciar o talento e a formación e crear emprego de calidade”, subliñou.