A Xunta publica a orde de axudas para financiar o servizo de comedor das escolas infantís de iniciativa social
O Diario Oficial de Galicia (DOG) recolle as bases desta convocatoria, que conta cun orzamento de máis de 1,2 millóns de euros
Estes centros poderanse acoller aos prezos para este servizo que rexen para as escolas infantís da rede pública autonómica
Santiago de Compostela, 4 de novembro 2024
A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a orde de axudas para financiar os gastos do servizo de comedor das escolas infantís de iniciativa social, nas que a atención educativa xa é 100% gratuíta para todas as familias usuarias. O orzamento desta convocatoria de subvencións para o presente curso 2024-2025 supera os 1,2 millóns de euros.
Esta liña de achegas permite que estas escolas dependentes de entidades sociais sen ánimo de lucro oferten o seu servizo de comedor a prezos reducidos, é dicir, co mesmo custo que rexe para as escolas infantís da rede pública autonómica. Así, as familias que leven aos seus fillos pagarán o comedor en función das súas rendas, sendo o prezo máximo abonar de 74 euros mensuais. As familias con menos ingresos terán o servizo de comedor gratuíto.
As escolas de 0 a 3 anos de iniciativa social teñen un mes de prazo, contado a partir de mañá, para pedir estas axudas ás que se acolleron o ano pasado un total de 43 centros, sumando un total de 2.172 prazas. As solicitudes deberán presentarse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.