A Xunta aproba a Estratexia da Economía Azul de Galicia 2024-2027 que recolle 40 medidas que mobilizarán máis de 114 M€

Rueda salienta que o obxectivo é que “Galicia sexa punteira” neste eido que busca protexer os ecosistemas mariños e facer un uso axeitado dos recursos para garantir o desenvolvemento económico a longo prazo

O documento foi elaborado nun proceso participativo no que se constituíron 11 grupos de traballo compostos por representantes das actividades da economía azul da comunidade 

Entre os obxectivos está situar os sectores emerxentes vencellados a este ámbito como referentes internacionais e garantir a sustentabilidade e circularidade da pesca, o marisqueo e a acuicultura como actividades nucleares 

Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que o Consello deu hoxe o visto e prace a “Estratexia da Economía Azul de Galicia, que mobilizará máis de 114 millóns de euros ata 2027”. Será a folla de ruta coa que o Goberno autonómico busca situar Galicia coma referente neste eido para “compaxinar a protección do medio mariño e a actividade económica”.

A nova Estratexia é un documento fundamental dada a estreita vinculación da comunidade co mar e o seu potencial económico ligado aos recursos mariños. Galicia “que é a comunidade con máis quilómetros de costa”, salientou Rueda, conta con importantes portos e unha forte tradición pesqueira que sustentan unha parte importante da economía do territorio. A finalidade da estratexia e dar resposta a retos como o Cambio Climático, a sobreexplotación dos recursos acuáticos e a necesidade de diversificar o tecido produtivo combinando sustentabilidade e crecemento económico.

A estratexia foi elaborada mediante un proceso vivo e participativo no que se constituíron 11 grupos de traballo compostos por representantes das actividades da economía azul da comunidade. Así, celebráronse 11 obradoiros sectoriais con 123 participantes que permitiron validar a diagnose da EAG e identificar os retos estratéxicos. Ademais, celebráronse dúas xornadas multisectoriais que contaron con 76 participantes para consensuar o conxunto de medidas que recollidas no documento.   O resultado foron 40 medidas que en conxunto suporán a mobilización de máis de 114 millóns de euros.

Entre os obxectivos está situar os sectores emerxentes vencellados a este ámbito como referentes internacionais e garantir a sustentabilidade e circularidade da pesca, o marisqueo e a acuicultura como actividades nucleares. Tamén persegue integrar as diferentes actividades que conforman a economía azul mediante conectores de innovación reforzando a gobernanza, fomentando a I+D+i azul e impulsando o desenvolvemento e retención do talento especializado. “Unha terra mariñeira como Galicia ten que ser punteira nun sector emerxente a nivel internacional como é a economía azul”, indicou Rueda.

A estratexia promovida polo Goberno galego vertebra as medidas entorno a 6 eixos: a cooperación intersectorial, os conectores de innovación, a competitividade, o patrimonio mariño, o traballo e talento así como a información e comunicación. Entre as accións recollidas están a creación dunha rede que integre aos diferentes axentes da economía azul de Galicia, o fomento de sinerxías entre os sectores da biotecnoloxía e da acuicultura, un catálogo galego de I+D+i azul, a creación dun centro de biotecnoloxía azul en rede ou a creación dunha unidade  especializada neste ámbito na oficina Galicia Empresa.

O documento constitúe a auténtica folla de ruta da Xunta para protexer e restaurar os  ecosistemas mariños e aproveitar dun xeito innovador os recursos acuáticos garantindo o desenvolvemento económico a longo prazo. Ademais, e de xeito paralelo, servirá para proporcionar unha mellor calidade de vida á sociedade galega a través da produción sostible de alimentos, a posta en valor da cultura mariñeira do emprego de calidade e do transporte sostible.  

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/11/2024