Arias destaca que a Xunta promove novas estratexias para impulsar o emprendemento mozo

O delegado territorial asistiu á entrega dos IX Premios da Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE) de Lugo

Lugo, 8 de novembro de 2024

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, asistiu hoxe á entrega dos IX Premios da Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE) de Lugo, onde puxo en valor o papel que xoga este colectivo en favor do emprendemento na provincia.

Arias destacou o apoio do Goberno galego á mocidade emprendedora coa futura Estratexia Mocidade Activa, dotada con 20M€ só na Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e na que se está a traballar co obxectivo de reter o talento mozo na Comunidade. No mesmo sentido, subliñou que os orzamentos do 2025 destinan 32 millóns de euros para promover diferentes iniciativas e impulsar proxectos liderados por mozos, mulleres e retornados.

“Tan importante é o apoio a un proxecto empresarial nun primeiro momento como nas fases seguintes”, incidiu Arias. Nese sentido, explicou que a Xunta “activa medidas específicas para a consolidación das iniciativas empresariais” como o Bono Autónomo;  as axudas para o fomento da conciliación familiar e laboral; para a contratación de traballadores ou para a transmisión e remuda xeracional de negocios a piques de pechar por mor da xubilación dos propietarios”. 

Igualmente, subliñou que a Administración galega seguirá a acompañar todo o esforzo que fai o sector empresarial con novas medidas para facilitar trámites administrativos. Entre elas destacou a simplificación das convocatorias de axudas para autónomos, que dende o próximo ano unificaranse nunha única orde dotada con 40 M€.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/11/2024