O presidente da Xunta mantén un encontro co director desta proba ciclista, Ezequiel Mosquera
Rueda recibe o maillot amarelo do vencedor da edición do Gran Camiño 2024, Jonas Vingegaard
A edición de 2025 contará cunha etapa máis ata chegar as cinco e comezará fóra da comunidade para darlle protagonismo a Portugal e o Camiño portugués
Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2024
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo un encontro co director da proba ciclista O Gran Camiño, Ezequiel Mosquera, que lle entregou un cadro co maillot amarelo asinado polo último gañador desta competición, Jonas Vingegaard.
Durante a xuntanza, fixeron balance da boa acollida da edición deste ano que contou coa participación de 118 ciclistas de 17 equipos. A proba tivo unha forte repercusión internacional, con dúas horas de retransmisión diaria en 170 países e seguida por xornalistas de todo o mundo, con presenza de profesionais de Países Baixos, Italia, Venezuela, Colombia, Ecuador, Bélxica, Dinamarca ou Portugal.
O Gran Camiño 2025 contará cunha etapa máis, cinco en total. Como noutras edicións, haberá unha etapa por provincia, pero desta volta a etapa inaugural sairá fóra das fronteiras da comunidade. Portugal e o Camiño Portugués, serán os anfitrións e protagonistas da primeira etapa. Deste xeito, esta competición servirá para que Galicia reforce os lazos co país veciño que historicamente serviu de trampolín para a proxección dos ciclistas galegos.
O obxectivo é consolidar O Gran Camiño -que conta coa colaboración da Xunta a través da Axencia Turismo de Galicia e da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes- como referente do ciclismo profesional mundial e promover que siga actuando como un escaparate da comunidade para atraer máis visitantes.