A Xunta avanza na consolidación dunha rede galega de ‘Mercados Excelentes’ co apoio a preto dunha trintena de concellos con interese en contar co selo

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a resolución da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración cos beneficiarios da orde para fomentar este selo de excelencia, con case 700.000 € para 28 municipios dos que só dous están provistos xa co distintivo

O obxectivo é promover, por un lado, actuacións dirixidas ao mantemento e mellora dos Mercados Excelentes existentes e, por outro, accións de mentorización, de formación ou obras de construción para que outros poidan acadar este selo

Na convocatoria que se vén de resolver, resultaron beneficiarias tamén 19 asociacións e federacións de prazas de abastos -dun importe próximo aos 200.000 euros- para a dinamización comercial e mantemento das súas webs de venda electrónica

Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2024

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a resolución da convocatoria da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración que busca impulsar os Mercados Excelentes en Galicia e que se saldou con case unha trintena de concellos con interese en integrar as súas prazas de abastos e mercados nesta rede sinónimo de diferenciación e calidade.

En concreto, 28 municipios -tan só dous deles xa co distintivo de excelencia concedido- recibiron preto de 700.000 euros para levar a cabo tanto accións necesarias de cara á obtención do selo de Mercado Excelente como melloras nos mercados, co gallo de afondar na revitalización destes espazos comerciais como vertebradores do territorio e xeradores de riqueza e emprego.

A maiores, concedéronse preto de 200.000 euros en achegas a un total de 19 asociacións e federacións de mercados e prazas de abastos para accións de dinamización e de mantementos das súas webs de venda electrónica.

Detalles da convocatoria

No marco das axudas a concellos, resultaron beneficiarios 15 consistorios da provincia de Pontevedra, 7 da Coruña, 3 en Lugo e 3 en Ourense. En concreto, os municipios que xa teñen Mercados Excelentes podían recibir apoio para accións enfocadas ao mantemento e mellora deste estándar de calidade, ademais de, como novidade, desenvolver campañas de dinamización comercial cun investimento máximo de 10.000 euros e para o deseño da imaxe corporativa do mercado. Neste capítulo, resultaron beneficiarios un total de 9 concellos, dous deles xa provistos co distintivo de excelencia.

Mentres, os municipios con prazas de abastos que non son Mercado Excelente poden sufragar accións de mentorización e formación dos praceiros e praceiras, de consultoría especializada, de diagnose da situación e usos do mercado ou a elaboración da documentación necesaria para levar a cabo as actuacións destinadas a acadar o selo, ademais doutras accións de mellora. Neste caso, rexistráronse 19 concellos beneficiarios.

Nesta mesma dirección, nas axudas a municipios hai dúas liñas máis de achegas, destinadas á adquisición de equipamento e eficiencia enerxética, e que beneficiaron 5 concellos xa concesionarios dalgunha outra axuda.

Canto ás asociacións de prazas de abastos e mercados, financiaránselles actuacións de dinamización e revitalización no marco de proxectos de incentivación da demanda e do consumo ou mantemento das webs de comercio electrónico, na mesma liña que no relativo ás federacións. Das 19 entidades beneficiadas neste apartado, 15 corresponden á provincia de Pontevedra, 2 á Coruña, 1 a Lugo e 1 máis en Ourense.

A estes apoios engádense os correspondentes a este ano da convocatoria que se publicou ao efecto en 2023, o que elevaría ata uns 1,4 millóns de euros o investimento total neste exercicio para consolidar a rede de Mercados Excelentes. O compromiso continuará nos orzamentos de 2025, tanto no marco desta convocatoria específica como co financiamento de actuacións en mercados concretos (Ourense -1 millón de euros- e Ponteareas -800.000 euros-).

Ligazón á resolución  no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20241111/AnuncioG0767-311024-0001_gl.html

Data de actualización: 12/11/2024