O presidente participa na clausura do X Encontro para Directivos/as Líderes ‘100 Consellos Santander’

Rueda compromete o apoio e a estabilidade da Xunta para seguir facendo de Galicia un territorio competitivo e confiable para o tecido empresarial

Entre as prioridades da Xunta para o ano 2025, destaca o respaldo ao tecido empresarial galego e o fomento de proxectos de colaboración público-privada para potenciar o desenvolvemento económico da comunidade

Salienta a iniciativa da Xunta de ofrecer máis de 500.000 metros cadrados de solo empresarial sen custo durante os primeiros oito anos para impulsar novas empresas e fortalecer o tecido económico

Reafirma a demanda do Corredor Atlántico de Mercadorías, a mellora do transporte público de viaxeiros ou a conexión por alta velocidade con Portugal

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o compromiso do Goberno galego para impulsar, fortalecer e consolidar a competitividade económica da comunidade e seguir facendo dela unha terra confiable para o tecido empresarial.

Así o expuxo durante a súa intervención no X Encontro para Directivos/as Líderes 100 Consellos Santander, que se celebrou hoxe no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia en Santiago de Compostela. O titular do goberno galego foi o encargado de clausurar o acto, onde destacou que a comunidade actualmente é a segunda onde máis crece a confianza empresarial.

Neste sentido, Rueda expuxo un decálogo de obxectivos sobre os que a Xunta centrará o seu traballo para 2025 e entre os que destacan a “estabilidade, a prudencia orzamentaria, o apoio ao tecido empresarial e o impulso de proxectos de colaboración público-privada”. Así, resaltou que Galicia segue a ser das “primeiras comunidades en aprobar os seus orzamentos”, que este ano alcanzan un máximo histórico de 13.954 millóns de euros, cun enfoque que garante tanto o crecemento económico como a prudencia e solvencia das contas públicas.

Destacou tamén o labor da Oficina Económica de Galicia, cuxo orzamento se incrementará ata os 6 millóns de euros o próximo ano, como unha ferramenta fundamental para facilitar unha relación áxil e próxima coas empresas e que “ten o compromiso de que todos os proxectos empresariais que sexan declarados prioritarios estean tramitados no prazo máximo dun ano en todo o que dependa da Xunta”. Subliñou, ademais, a aposta da Administración autonómica por facilitar o acceso a solo empresarial, ofrecendo máis de medio millón de metros cadrados de forma gratuíta durante os primeiros oito anos, para fomentar o establecemento de novas iniciativas empresariais.

Unha mirada no futuro

Durante a súa intervención, o presidente do Goberno galego reafirmou o compromiso da Xunta con iniciativas que favorezan a atracción de investimentos e a mellora da competitividade empresarial, como o aumento do financiamento para o Igape (ata os 278 M€) e volveu reclamar “todo ese diñeiro europeo que a día de hoxe segue retido en moitos ministerios” se desbloquee canto antes. “Non ten sentido que moitos fondos europeos sigan esperando convocatorias; hai que seguir reclamando que cambie a xestión centralizada destes”, apuntou.

Coa vista posta no futuro, Rueda tamén aproveitou para reclamar o apoio dos empresarios no ámbito das infraestruturas, poñendo como exemplo o tan demandado Corredor Atlántico de Mercadorías, a mellora do transporte público de viaxeiros ou a conexión por alta velocidade con Portugal. Así mesmo, avogou por “non quedarse atrás” nas grandes oportunidades que ofrecen as enerxías renovables. “Seremos escrupulosos pero, se os proxectos cumpren, faremos todo o posible para que os que están mirando cara Galicia decidan instalarse aquí”, indicou.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/11/2024