Román Rodríguez sinala o acordo con Arxentina como o primeiro paso para estender o modelo de títulos universitarios compartidos a outros países

O conselleiro de Educación destaca a importancia de seguir internacionalizando a universidade galega e de promover a mobilidade dos seus estudantes

“Nunha sociedade cada vez máis globalizada é fundamental que as administracións traballemos nunha oferta académica que dea resposta a estas necesidades”, afirma

Visita as universidades de La Plata, Tres de Febrero, de Lomas de Zamora e San Martín para pechar acordos con USC, UDC e UVigo

Bos Aires (Arxentina), 14 de novembro de 2024

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, sinalou hoxe os acordos con universidades arxentinas como o primeiro paso para estender o modelo de titulacións de grao, mestrado e doutorado compartidas a outros países. Fíxoo no marco da viaxe institucional ao país americano, na que estes días está a visitar as catro universidades nacionais de prestixio seleccionadas pola Comisión Nacional de Evaluación y Acreditación Universitaria para avanzar nos primeiros proxectos compartidos, en concreto as de La Plata, Tres de Febrero, de Lomas de Zamora e San Martín.

O titular do departamento educativo da Xunta destacou a importancia de seguir internacionalizando a universidade galega e de promover a mobilidade dos seus estudantes. Non en balde, os acordos que se están a asinar coas devanditas universidades arxentinas inclúen non só a impartición de titulacións compartidas, senón tamén o intercambio de estudantes, entre outros. 

“Nunha sociedade cada vez máis globalizada é fundamental que as administracións traballemos nunha oferta académica que dea resposta a estas necesidades”, afirmou o conselleiro, sinalando que a internacionalización é un reto compartido coas universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo e coa Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia.

“O tecido académico, o económico e o empresarial non teñen fronteiras. Conscientes desta realidade, queremos ampliar esta cooperación universitaria internacional pensando sempre en ofrecer a mellor formación aos estudantes, o que constitúe a nosa prioridade”, dixo. 

Así mesmo, o representante do Goberno galego salientou o abano de oportunidades que este novo modelo de internacionalización vai supoñer para os titulados a nivel laboral, tanto a nivel inserción como para abrir as portas dos mercados laborais de diferentes países.

Na viaxe institucional a Arxentina participan, ademais do conselleiro, os reitores das universidades de Santiago de Compostela e A Coruña, Antonio López e Ricardo Cao; a secretaria xeral da Universidade de Vigo, María José Bravo; o secretario xeral de Universidades da Xunta, José Alberto Díez, e o presidente e o director da ACSUG, Eduardo Pereira e Juan José Nieto.

Enriquecer o sistema e avanzar en ciencia

Román Rodríguez destacou tamén a oportunidade que esta iniciativa de colaboración supón para enriquecer os sistemas universitarios dos países que se vaian sumando a ela. Neste sentido, lembrou que o modelo proposto para impartir titulacións compartidas inclúe tamén accións a outros niveis, como o intercambio de persoal docente ou de materiais académicos, así como a celebración conxunta de seminarios e conferencias.

Tamén o impulso de accións conxuntas en materia de investigación, favorecendo tamén a mobilidade dos investigadores entre os países participantes, contribuíndo ao avance da ciencia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/11/2024