Preto de 4.300 persoas están chamadas a participar esta fin de semana nas oposicións para 274 prazas de emprego público
Un operativo formado por unhas 207 persoas controlará que todos os procesos selectivos se desenvolvan de xeito correcto e con total seguridade
Santiago de Compostela, 15 de novembro de 2024
Un total de 4.256 aspirantes están chamados a participar nas oposicións que se celebrarán esta fin de semana no recinto da Feira Internacional de Silleda para acceder a 274 prazas de emprego público de acceso libre.
As probas comezarán mañá sábado, ás 9,00 horas da mañá para cubrir 42 prazas da especialidade de recursos naturais e forestais do subgrupo AP ás que están convocadas 808 persoas; e a partir das 15.30 h. será a quenda dos 884 aspirantes convocados para 96 prazas da escala técnica de xestión ambiental B/C1.
O domingo 17 de novembro ás 9.00 h. realizarase o proceso selectivo para a escala superior de orientación laboral A1, no que están chamadas a participar 474 persoas para 6 prazas; e a partir das 15.30 h. terá lugar o exame para a escala técnica de orientación laboral A2 con 2.090 aspirantes admitidos e 130 prazas ofertadas.
Operativo de seguridade
Un operativo formado por aproximadamente 207 persoas controlará que todos os procesos selectivos se desenvolvan de xeito correcto e con total seguridade. O recinto feiral de Silleda disporá tamén dunha ambulancia, habilitada pola Administración galega para atender calquera incidencia que se puidese producir durante a realización das probas.
As persoas que concorran a estes procesos selectivos poderán consultar toda a información relativa ás probas e ás medidas de seguridade no portal corporativo https://www.xunta.gal/funcion-publica.
Desde o último trimestre de 2023 ata agora, convocáronse 40 procesos selectivos, dos que 22 foron de acceso libre, 15 de promoción interna separada e tres para persoas con discapacidade intelectual.
O total de prazas convocadas relativo a estes procesos ascende a 1.495 e recibíronse 21.534 solicitudes.