O Servizo Galego de Saúde aforra máis de 52,5 M€ grazas á centralización de compras de material sanitario para os centros das sete áreas
A Xunta investiu máis de 412 M€ nestas compras desde 2020, que permitiron reducir “o gasto nun 17% de media”, segundo explicou o presidente
Nos últimos catro anos adxudicáronse 26 novas contratacións de forma centralizada
Coa centralización da compra de implantes de xeonllo o Servizo Galego de Saúde aforra máis de 14 M€ nun contrato que ascende a 21,9 M€
Rueda salienta que o obxectivo da Xunta é “optimizar ao máximo os orzamentos” en materia sanitaria
Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2024
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe que o Servizo Galego de Saúde “aforrou máis de 52,5 millóns de euros desde 2020” grazas a “centralización de compras de material para as sete áreas sanitarias”. O obxetivo, segundo salientou, “é facer un uso axeitado dos fondos e optimizar ao máximo os orzamentos” en materia sanitaria.
O Goberno autonómico investou máis de 412 millóns de euros en compras conxuntas durante ese periódo, obtendo un aforro de 52.518.275 euros en compras de material funxible e implantes para os distintos centros da sanidade pública, o que permitiu “reducir o gasto en máis dun 17% de media”.
En total foron adxudicados 41 expedientes, dos cales 26 foron contratos centralizados por primeira vez na busca de conseguir minorar o impacto da suba progresiva de prezos, tanto de materiais como de combustibles.
A calidade técnica do material adxudicado asegúrase xa que, como norma xeral, se establece que a valoración dos criterios técnicos supoña, como mínimo un 50%. Esta puntuación de corte garante unha correcta relación calidade-prezo e impide que posibles licitadores cunha calidade mínima de produto poidan resultar adxudicatarios cunha oferta económica agresiva.
Entre os máis destacados, o acordo marco para a compra de implantes de xeonllo, centralizado por primeira vez, supuxo un aforro dos prezos medios de 14.120.532 euros nun contrato que ascende a 21.968.100 euros.
Do mesmo xeito, grazas a comprar de forma centralizada e non por áreas sanitarias, o contrato para adquirir bombas de insulina e sensores permite aforrar 3.708.278 euros nunha compra por valor de 85.551.698 euros.
En porcentaxe, o maior aforro, cun 67,33 % menos dos prezos medios, logrouse na contratación centralizada de tests de estreptococo. A compra final supuxo 144.187 euros e foi posible aforrar 184.755 euros.
Previsión de aforro de 9,2 M€ máis
Rueda indicou que actualmente, o Servizo Galego de Saúde ten en licitación “11 expedientes” nos cales xa se incorpora un aforro de 9.206.111 euros, o que supón o 1,52%. Na adxudicación final preténdese acadar un aforro potencial dun 12%, xa que se esperan baixadas nas ofertas das empresas licitadoras dunha media do 10%.
Entre as compras centralizadas en fase de licitación encóntranse os sistemas de implantes de columna. Cun importe de licitación de 33,1 millóns de euros, a súa centralización por primeira vez xa supón un aforro de 5,6 millóns.
O plan de compras da Dirección Xeral de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde para o que resta de ano prevé publicar 10 contratos centralizados máis, entre eles, implantes para o tratamento da dor, material de cateterismo, dispositivos para a preservación de órganos en proceso de transplante e filtros, liñas, líquidos e concentrados de diálise.