A subdirectora xeral de Estilos de Vida Saudable da Consellería de Sanidade participou esta semana no Encontro de Programas de Promoción da Saúde no Traballo en España

A Xunta comparte en Menorca o modelo galego de promoción de estilos de vida saudables e prevención das enfermidades crónicas desde as contornas de traballo

A representante do Executivo galego presentou un modelo de saúde que aposta por converter os centros de traballo en contornas que faciliten hábitos saudables e contribúan a previr as enfermidades crónicas

A proposta, co-liderada polos departamentos de Sanidade e de Emprego da Xunta, integra actuacións sobre alimentación saudable, actividade física e sedentarismo, exceso de peso e benestar emocional

Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2026

A subdirectora xeral de Estilos de Vida Saudable da Consellería de Sanidade, Sagrario Pérez, participou esta semana no Encontro de Programas de Promoción da Saúde no Traballo en España, que reuniu en Menorca a representantes das comunidades autónomas para compartir experiencias e impulsar novas liñas de colaboración.

Galicia presentou un modelo de saúde que vai máis alá da prevención tradicional de riscos laborais, apostando por converter os centros de traballo en contornas que faciliten hábitos saudables e contribúan a previr as enfermidades crónicas.

Esta liña de traballo conta con tres follas de ruta que orientan a acción da Xunta: a Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia, con horizonte 2027; o Plan Obesidade Zero Galicia (2022-2030); e a Estratexia Galega de Lactancia Materna (2026-2030).

A proposta, co-liderada polos departamentos de Sanidade e de Emprego da Xunta, integra actuacións sobre alimentación saudable, actividade física e sedentarismo, exceso de peso e benestar emocional, incorporando unha visión de ciclo vital e de creación de condicións que permitan ás persoas manter estilos de vida saudables.

Así, o ámbito laboral convértese nun espazo estratéxico de promoción da saúde pública e nun punto de partida para avanzar cara ao “adulto san”, facendo que a opción saudable sexa tamén a opción máis doada no día a día.

Data de actualización: 19/09/2026