A Xunta enxalza o novo recetario solidario realizado por varios doentes de Alzhéimer e un grupo de chefs para visibilizar esta enfermidade
O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria asistiu á presentación do libro que forma parte do proxecto ‘Os sentidos da memoria’
Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2024
O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, participou esta mañá na presentación do recetario solidario elaborado por un grupo de persoas afectadas de Alzhéimer e outras demencias da Federación de Alzhéimer de Galicia (Fagal) xunto a varios chefs do Grupo Nove. Esta iniciativa forma parte do proxecto Os sentidos da memoria que realizan ao longo de todo o ano para dar visibilidade aos afectados por esta doenza.
Para a elaboración deste exemplar, un grupo de doentes compartiu varias xornadas cun grupo de recoñecidos cociñeiros co obxectivo de evocar lembranzas a través da cociña, polo que cada un dos protagonistas escolleu unha receita para publicar no recetario. Ademais, realizouse un documental para amosar as actividades que desenvolven os usuarios ao longo do ano.
Neste senso, Antón Acevedo destacou a importancia de crear iniciativas coma esta que dean visibilidade a esta enfermidade e fomenten a integración dos doentes en todos os ámbitos sociais, polo que trasladou o firme compromiso do Executivo para seguir ofrecendo recursos para a prevención e atención do Alzhéimer e outras demencias.