O conselleiro de Sanidade asinou co alcalde da Estrada o acordo entre a Xunta e o Concello para a mellora da infraestrutura sanitaria

Gómez Caamaño destaca a reforma do centro de saúde de Oca, á que a Xunta e o concello da Estrada destinan 154.000 euros, como un exemplo máis da aposta do Goberno galego pola atención primaria

A Consellería de Sanidade e o Concello financiarán a partes iguais a reforma, que permitirá mellorará a atención sanitaria que se presta á veciñanza deste municipio

A reforma deste centro, de titularidade municipal, engloba a renovación integral da cuberta, dos canlóns e as baixantes, así como a substitución da rede de auga quente sanitaria e de calefacción

Tal e como establece o convenio, o Concello será o encargado de licitar, contratar e dirixir as obras 

Desde a Xunta manterase unha comunicación fluída para a coordinación durante a execución dos traballos, de xeito que a asistencia sanitaria non se vexa interrompida

O conselleiro lembra que a Xunta está a desenvolver unha reforma integral da atención primaria que abrangue importantes cambios co fin de atender aos retos derivados do envellecemento da poboación e do aumento das enfermidades crónicas

A Estrada (Pontevedra), 5 de agosto de 2026

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou hoxe a reforma do centro de saúde de Oca, á que a Xunta e o Concello da Estrada destinan un total de 154.000 euros, como un exemplo máis da aposta do Goberno galego pola atención primaria.

O titular da carteira sanitaria asinou co alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, o convenio de colaboración entre a Xunta e o Concello para a reforma deste centro de saúde, que é de titularidade municipal.

Para facer posible esta reforma, que permitirá seguir mellorando a atención sanitaria que se presta á veciñanza deste municipio, a Consellería de Sanidade e o Concello financiarán as actuacións de mellora a partes iguais, ao 50 %.

O conselleiro explicou que este centro presenta elementos de construción que precisan dunha actualización para seguir garantindo o seu correcto funcionamento durante os vindeiros anos e, deste xeito, reforzar a súa funcionalidade a longo prazo.

Detallou que a reforma deste centro, de titularidade municipal, engloba a renovación integral da cuberta, que incorporará unha membrana impermeable, illamento térmico e tella cerámica, mellorando a protección fronte ás inclemencias metereolóxicas e aumentando a eficiencia enerxética. Ademais, para solucionar os problemas de filtracións, renovaranse os canlóns e as baixantes e instalarase un novo lucernario.

Xunto ao anterior, modernizaranse as instalacións substituíndo a rede de auga quente sanitaria e de calefacción por un novo sistema de polietileno con illamento térmico, moito máis eficiente e resistente.

Ademais, o bastidor de comunicacións trasladarase a unha zona máis protexida, na área de administración, como medida de prevención fronte a posibles incidencias.

Comunicación directa e fluída

O máximo responsable do Servizo Galego de Saúde referiu que o Concello será o encargado de licitar, contratar e dirixir as obras. Pola súa parte, desde a Xunta, manterase unha comunicación aberta e fluída para a coordinación dos traballos, de xeito que a asistencia sanitaria non se vexa interrompida, reducindo ao máximo as molestias a pacientes e profesionais.

Gómez Caamaño subliñou que a intensa actividade asistencial dos centros de saúde e as condicións meteorolóxicas de Galicia, fan necesario investir de maneira continua na súa conservación e modernización, un compromiso que o Goberno galego mantén a través do Plan estratéxico para a modernización das infraestruturas sanitarias. Esta aposta da Xunta tradúcese xa en máis de 162 millóns de euros investidos na construción ou reforma de 138 centros de saúde en todo o territorio. 

Reforzo da atención primaria

Na súa intervención, o conselleiro explicou que a atención primaria asume importantes retos derivados do envellecemento da poboación, o aumento das enfermidades crónicas e, por conseguinte, da demanda asistencial.

Para facer fronte a esta situación, a Xunta quere dotar aos profesionais dos recursos e ferramentas necesarias para ofrecer unha atención cada vez máis resolutiva e de maior calidade. Ao respecto, o Executivo galego está a desenvolver unha reforma integral da atención primaria que abrangue importantes cambios.

Xa se creou a Dirección Xeral de Atención Primaria e Comunitaria dentro do Servizo Galego de Saúde e vaise reforzar este nivel asistencial na estrutura das áreas sanitarias. Ademais, púxose en marcha unha unidade técnica de apoio aos médicos de primaria, para reducir o seu labor burocrático.

O conselleiro explicou que, actualmente, a Xunta está a ultimar o documento co obxectivo de presentar a reforma integral no mes de setembro. Deste modo, seguirase a avanzar nos próximos meses, de xeito progresivo, na implantación das distintas medidas orientadas a flexibilizar as axendas dos profesionais, a mellorar as condicións laborais e a incorporar novas categorías profesionais nos centros de saúde.

Para rematar a súa intervención, Gómez Caamaño agradeceu o traballo dos profesionais, fundamentais para seguir a construír a sanidade do futuro.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/08/2026