A Xunta apoia a primeira feira nacional de deportes de contacto e artes marciais, que se celebra esta fin de semana en Lugo
O delegado territorial de Lugo participou hoxe na presentación do Dojo Arena, que reunirá aos deportistas máis recoñecidos nestas disciplinas que contan cada vez con máis seguidores no noso país
Lugo, 20 de novembro de 2024
A Xunta patrocina o encontro Dojo Arena, a primeira feira nacional de deportes de contacto e artes marciais, que se celebrará entre o 22 e 24 deste mes no Pazo de Feiras de Lugo. O delegado territorial, Javier Arias, e o organizador do evento, Fredi Mosteirín, presentaron esta mañá o evento, xunto a representantes das demais entidades colaboradoras.
A feira contará con seminarios, charlas e exhibicións a cargo dalgunhas das figuras máis destacadas nas diversas disciplinas dos deportes de contacto e das artes marciais a nivel mundial, como o campión de BKFC, Franco Tenaglia; os campións do mundo de muay thai, Antonio Orden e Yohanna Alonso; o campión de kickboxing, Rubén Rondon; o campión de Europa e de España de boxeo, Ángel Moreno ‘Golden Boy’; ou os loitadores de MMA César Alonso e Aitana Álvarez.
Entre os pratos fortes do evento, o venres celebrarase a velada Dojo Arena Nacional de Boxeo e o sábado, a de kickboxing, con doce combates cada unha delas. O domingo, a xornada estará dedicada á loita contra o bullying, o acoso escolar e a violencia de xénero, con diversas actividades dirixidas á sensibilización e a prevención fronte a estas problemáticas.
Na Dojo Arena participarán ademais preto de trinta expositores que presentarán material e servizos relacionados cos deportes de contacto e as artes marciais. Durante os tres días que dura a feira haberá tamén actuacións musicais en directo, como as do rapeiro LeSoul 33 e o DJ Christian Preciado, cursos de defensa persoal, espectáculos de humor, fooktrucks e estudos de tatuaxe a disposición dos espectadores.
Javier Arias destacou “a relevancia desta feira pioneira que durante tres días converterá a Lugo no epicentro dos deportes de contacto e das artes marciais, disciplinas que están en auxe nos últimos anos impulsadas polos éxitos dos deportistas españois, a incorporación de cada vez máis mulleres a estas prácticas e tamén pola visibilidade que lle dan eventos coma este que bota a andar en Lugo”.
O delegado agradeceu aos organizadores o traballo realizado para traer á cidade este campionato, que se celebra por primeira vez en España, e puxo en valor o apoio do Goberno galego aos eventos deportivos como o Dojo Arena “que non só supoñen fomentar a práctica do deporte e darlle visibilidade aos nosos deportistas, senón que tamén funcionan como escaparate para a promoción turística da nosa provincia”.