Galicia acada un novo récord no número de deportistas recoñecidos no alto nivel con preto de 1.950
As mulleres, 835, representan un 43% das persoas recoñecidos e acádase tamén un novo máximo histórico de deportistas con diversidade funcional
Santiago de Compostela, 11 de agosto de 2026
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde pola que se actualiza a relación de deportistas de alto nivel, alto rendemento, rendemento deportivo de base e vitalicias, así como persoas adestradoras ou técnicas, xuízas e árbitras recoñecidas de alto nivel. Esta actualización súmase ás realizadas no mes de xuño e establece un novo récord de persoas recoñecidas, que ascenden a 1.941, das que 835 son mulleres (43%) e 1.106 homes (57%).
Arredor do 76 % das persoas recoñecidas —1.466— son deportistas galegos de alto nivel (623 mulleres e 843 homes). Ademais, figuran 201 deportistas de alto rendemento (101 mulleres e 100 homes), 183 deportistas de rendemento deportivo de base (86 mulleres e 97 homes), 47 persoas técnicas de alto nivel (catro mulleres e 43 homes), 29 persoas árbitras e xuízas (16 mulleres e 13 homes) e 15 deportistas galegos de alto nivel vitalicios (cinco mulleres e dez homes).
Cómpre salientar, asemade, que entre todas as categorías hai recoñecidas 59 persoas deportistas con diversidade funcional (19 mulleres e 40 homes), o número máis alto da historia, unha cifra que continúa medrando.
Estas cifras récord do deporte de alto nivel en Galicia son froito, por unha banda, do traballo e da progresión dos deportistas galegos nos últimos anos. Por outra, tamén contribuíu o decreto de alto nivel publicado en setembro de 2020, que ampliou o sistema de recoñecementos ao incorporar, ademais do deporte de alto nivel, o alto rendemento deportivo —para aqueles deportistas que aínda non acadan esa consideración, pero cuxa proxección apunta a que poderán facelo— e o rendemento deportivo de base, correspondente á etapa de desenvolvemento e perfeccionamento previa ao acceso ao alto rendemento ou ao alto nivel.
Axudas ao alto nivel
Cómpre salientar que en xaneiro a Fundación Deporte Galego resolveu a convocatoria das axudas DGAN-TAXAGAN 2025 para deportistas galegos de alto nivel, así como para persoas técnicas, adestradoras, xuízas e árbitras de alto nivel. A convocatoria bateu un novo récord ao conceder 595 axudas por un importe superior aos 840.000 euros, as cifras máis altas acadadas nunha única convocatoria. O ano anterior rexistrárase un importe próximo ao millón de euros, pero distribuído en dúas convocatorias: a ordinaria e a extraordinaria con motivo dos Xogos Olímpicos e Paralímpicos de París.