A Xunta destaca os balnearios galegos como dinamizadores das economías locais e comarcais

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, inaugura a xornadaConservación e xestión sustentable das augas mineromedicinais no Hotel Balneario de Compostela en Brión

Salienta a gran riqueza mineromedicinal do solo galego con máis de 20 captacións empregadas por balnearios e máis de 300 catalogadas

Reafirma o compromiso e apoio da Xunta ao sector termal galego, que contará cunha vogalía no novo Consello da Minería de Galicia

Brión (A Coruña), 20 de novembro de 2024

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, inaugurou esta mañá a xornada Conservación e xestión sustentable das augas mineromedicinais no Hotel Balneario de Compostela en Brión. Durante a súa intervención destacou a función que cumpren os balnearios como dinamizadores das economías locais e comarcais, xerando emprego de calidade, fixando poboación e promovendo unha extracción sustentable dos recursos naturais.

No acto organizado pola Asociación Galega de Propiedade Balneario, o director xeral de Planificación Enerxética e Minas fixo fincapé na gran riqueza mineromedicinal do solo galego, que supera as 20 captacións empregadas por balnearios e presenta máis de 300 catalogadas. A importancia do sector termal, indicou, tamén se reflexa na súa achega ao mercado laboral, dando emprego directo a 1.200 persoas e creando arredor de 5.000 empregos indirectos.

O director reafirmou o compromiso e o apoio da Xunta ao sector termal galego, que contará cunha vogalía no novo Consello da Minería de Galicia, onde un dos primeiros grupos de traballo será o de termalismo. Ademais, os balnearios son o núcleo dalgúns dos eixes estratéxicos da Axenda de Impulso da Minería Sostible de Galicia 2030, como a valorización, promoción, estudo e posta en valor dos recursos naturais, xeolóxicos e mineiros do territorio galego.

Por último, Fernández Vila puxo en valor a política da Consellería de Economía e Industria, enfocada a protexer os recursos galegos, facer un uso eficiente deles e, especialmente, que xere beneficios económicos e sociais no territorio onde se sitúan os proxectos. Nesta liña, sinalou a Lei de recursos naturais como ferramenta para converter en riqueza social a riqueza natural do territorio galego, sen ningún tipo de menoscabo ambiental.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/11/2024