A delegada territorial da Xunta en Ferrol visitou esta mañá a área municipal na que se desenvolven os traballos
Martina Aneiros anima aos alumnos do obradoiro dual ‘O Montón’ a aproveitar esta formación para mellorar a súa empregabilidade no sector forestal
Este obradoiro dual promovido polo Concello de Ferrol conta cun investimento da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración de máis de 531.000 euros
A iniciativa impártese nas modalidades de actividades auxiliares en conservación e mellora de montes e repoboacións forestais e tratamentos silvícolas
Ferrol, 21 de novembro de 2024
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, realizou esta mañá xunto a representantes municipais unha visita aos participantes no obradoiro dual de emprego O Montón, promovido polo Concello de Ferrol grazas a unha achega da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración de 531.046 euros.
Durante a mesma, Aneiros puido coñecer o grao de satisfacción da vintena de alumnos asistentes coa formación impartida enfocada á recuperación e posta en valor do terreo municipal do Montón. Así, divididos en dúas especialidades con 10 alumnos por cada unha, a de actividades auxiliares en conservación e mellora de montes e a de repoboacións forestais e tratamentos silvícolas, os alumnos aprenderon a identificar, sinalizar e caracterizar especies arbóreas e procederon á limpeza de toda a vexetación e eliminación da biomasa deste espazo.
Tamén recibiron nocións de aproveitamento forestal e repoboación, así como da aplicación de produtos fitosanitarios, preparación de camiños e cortalumes e sobre poda e clareo de arbusto e arborado.
A formación deste obradoiro dual que se prolonga por un ano -finalizará o próximo mes de decembro- incluíu ademais varias visitas didácticas á feira Galiforest, ao parque natural das Fragas do Eume ou ao Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Guísamo, entre outras.
A delegada territorial animou aos participantes a aproveitar os coñecementos que están adquirindo de cara a lograr un posto de traballo vinculado ao sector forestal, ben por conta allea ou emprendendo un negocio, caso este último para o que lembrou o servizo de acompañamento e asesoramento gratuíto que a Xunta pon ao seu servizo a través da Rede de polos de emprendemento que conta cun en Ferrol.
Por último destacou tamén a repercusión que este tipo de iniciativas teñen no entorno, neste caso “coa posta en valor desta zona verde para uso e desfrute da cidadanía e das persoas visitantes ao municipio como espazo de recreo e encontro da cidadanía”, indicou.